«A xeografía é o contrario a memorizar, inténtase aprender a razonar sobre o proceso»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

SANDRA ALONSO

O catedrático de Xeografía, Rubén Lois, vén de ser escollido vicepresidente na Unión Xeográfica Internacional

02 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O catedrático de Xeografía da USC Rubén Lois vén de ser escollido o presidente da Unión Xeográfica Internacional, un organismo que permite fixar os camiños da ciencia xeográfica en congresos mundiais que permiten conectar a profesionais de máis dun cento de países e tamén facer que a análise territorial sirva para acadar un mellor goberno territorial. «E a culminación da carreira académica», di Lois. Anos atrás, foi profesor no instituto Alfredo Brañas de Carballo.

-Aínda existe a crenza de que a xeografía é só facer e estudar mapas.

-Radicalmente non. Os mapas son moi importantes para a xeografía, porque nós vemos o mundo a partir dos mapas. Pero precisamente como son tan importantes non hai que aprendelos. Isto é o gran erro que hai en relación coa xeografía. Non tes que saber especificamente onde están os ríos ou que tamaño ten unha cidade ou un territorio. É bo ter cultural xeral, pero o que hai que saber é onde buscar esa información. E punto. A xeografía é todo o contrario a memorizar, é unha ciencia social como as ciencias da comunicación, como a socioloxía, como a economía: inténtase aprender a razoar sobre proceso.

-Pero o primeiro que se aprende en xeografía son os ríos, as capitais...

-Aí houbo un empeoramento e a Asociación de Geógrafos Españoles queixouse moito. Antes había unha materia que se chamaba Coñecemento do Medio. Nós o que queremos é que axente faga coñecemento do medio, que coñeza o territorio. Iso é xeografía. O importante é saber do mapa e saber localizalo. A xeografía é coñecer o medio e formular os problemas do medio e non memorizar. A xeografía ten que estar nas antípodas da memorización.

-Aínda así, os estudos de Xeografía non atraen moito.

-Nós de feito temos máis problemas en ter alumnos en primeiro pero logo perdemos menos alumnos, porque son vocacionais, e atraemos alumnos doutras disciplinas para os mestrados. Isto é moi sintomático.

-¿Débese a que o xente non sabe o que é a xeografía?

-É certo. Nos últimos anos estanse facendo moitas campañas para dar a coñecer o que é. Hai un grupo de profesores deste departamento que van polos institutos explicando o que é a xeografía. E logo tamén se fai unha Olimpíada de Xeografía e un concurso de fotografía. Iso é outro xeito de popularizar. E evidentemente temos que dar empregabilidade.

«É o momento de que as titulacións se abran»

Lois aposta pola interdisciplinaridade académica.

-Un dos obxectivos na IGU é que a xeografía se relacione con outras disciplinas.

-Temos que manter unha boa relación coas disciplinas máis ambientais. Por outra banda traballamos en temas moi semellantes aos das carreiras técnicas. Facemos a ordenación do territorio e aí nos vemos con arquitectos, con urbanistas e con enxeñeiros. E logo somos ciencias sociais, somos máis próximos á socioloxía, ciencia política, económica e ciencias da comunicación. Coa historia tamén.

-Un exemplo é o grao de Paisaxe.

-Será moi importante que saquemos titulados en Paisaxe pero que logo eses titulados teñan un traballo específico. Hai que construír tamén unha profesión a partir do título de paisaxe, que creo que ese é o gran reto dos próximos anos.

-¿Hai que seguir afondando nesta vía de levar a xeografía a outras disciplinas?

-Si, en ofertar algunhas materias que sirvan para o conxunto do sistema universitario. Ata o momento todas as titulacións atrincheirámonos un pouco no noso ámbito. Agora creo que é o momento de que nos abramos. Na Universidad Autónoma de Barcelona hai materias de xeografía en 12 graos diferentes. Temos que ir a ese modelo, e ao mesmo tempo recibir materias de outros graos.