«Todos os edificios públicos do casco urbano terán aparcabicis»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A edila de Mobilidade de Carballo, Milagros Lantes, ten case a punto unha nova ordenanza de mobilidade, que regulará os xeitos de desprazamento

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Milagros Lantes Seara (1961) é concelleira de Mobilidade Urbana, Contratación e Seguridade Cidadá en Carballo. Tres áreas complexas, e a primeira con moito máis traballo do que se podía imaxinar calquera dez anos atrás, cando nin sequera se postulaban estas cuestións na bisbarra. Hoxe é un dos temas prioritarios, non hai máis que ver o deseño da novas rúas. A Milagros, ademais, é habitual vela dando grandes camiñatas. Entre os asuntos que lle toca atender está o uso da bicicleta.

-Anunciaba o outro día que en Carballo haberá 15 novos aparcabicis, esenciais para que se usen as bicicletas e haxa onde deixalas.

-Si, esa é a idea, irémolos colocando pouco a pouco. Queremos que todos os edificios públicos do casco urbano teñan aparcabicis, ademais dos que hai polas rúas. E queremos tamén que estean en sitios máis ou menos protexidos, que non chova neles constantemente. Xa están colocados varios de antes, sobre dez, pero agora empezamos esta nova fase.

-Fala do casco urbano.

-Si, porque é por onde empezamos. Os centros sociais das parroquias tamén son edificios públicos e tamén me gustaría que os tiveran, pouco a pouco iremos incrementando. Tamén é certo que neses lugares acostuma haber máis sitio para deixar as bicicletas.

-A primeira quenda foi feita polos alumnos de soldadura do Fórum, e esta xa lla encargan a unha empresa. Por que?

-Foron unhas prácticas do alumnado. Se todos os que necesitamos llos encargamos a eles, case non farían outra cousa, e o curso que teñen é máis ca iso. Teñen un programa que cumprir. O que facemos é manter o deseño.

-O incremento vaise vendo. Foi unha demanda, ou é algo que fan vostedes para estimular o uso das dúas rodas?

-Máis que demanda en si, o que queremos é que a xente use a bicicleta e que non poña como desculpa que non ten onde deixala. Se hai en todos os inmobles públicos, tamén creas a necesidade. E tamén estamos mirando no campo de fútbol, nas Eiroas.

-Con todo, aínda hai poucos usuarios. Que opina?

-Si e non. Hai poucos habitualmente, a diario. Vemos que o seu uso avanza a un paso lento. Pero o contraditorio, o sorprendente, é que as fins de semana si hai moitísima xente que a usa. Non pasa o mesmo cos que camiñan, que non hai tanta diferenza entre días. Pero cos da bicicleta, si. Isto non é algo exclusivo de Carballo, ocorre en case todas partes.

-Vostedes moitos medios non poñen, porque non fan carrís bici. E o último non tivo moito éxito, precisamente.

-As tendencias en mobilidade non van por aí. Iso vémolo en moitas citas en actos con expertos. O que se fai é habilitar rúas accesibles, e que compartan calzada as bicicletas e os coches, a velocidades limitadas. Noutros sitios xa se aplica, e funciona, e con moita xente. E co mesmo clima ca nós, por certo.

-Como vai a nova ordenanza de mobilidade? Xa hai tempo que a anunciaron.

-O borrador está feito, pero aínda hai que facer máis cousas. Facer reunións, falar coa xente. Queremos que todos os afectados poidan achegar algo. Tamén terán que vela os diferentes grupos políticos. E tamén a empresa que está elaborando o plan de mobilidade, para que non haxa contradicións. Seguro que aínda temos moitos detalles que corrixir.

-Incluirán aspectos específicos para o uso das bicicletas?

-Claro! Das bicicletas e de todo, dende o skate ata eses bípedos eléctricos. Ou detalles como que, se se amplía a zona azul, baste con levalo a pleno e punto, non que haxa que incluír a ordenanza enteira.

-E cando se vai aprobar?

-Prefiro non dar datas, por se non se cumpre. Antes o fundamental é mirar todo con detalle, facer as reunións e estudala ben. Temos mirado xa noutros sitios e funciona ben. O que si digo é que a aprobaremos o antes posible.

Una cita para todos este domingo

La temporada de los Días da Bicicleta, que coincide con el verano, comenzará este domingo, día 3. Será en Carballo, a partir de las 11.00 de la mañana, en la Praza do Concello, con un recorrido accesible para todas las edades y regreso al mismo lugar, tras un avituallamiento junto al centro comercial Bergantiños Gadis. La cita está organizada por el Club Ciclista Carballo, La Voz de Galicia y Radio Voz, además del Concello carballés. Los interesados pueden anotarse en las oficinas municipales o en la Delegación de La Voz de Galicia y Radio Voz (Gran Vía, 84). También el mismo día de la cita, hasta media hora antes del inicio. Habrá sorteos y regalos para los participantes.