Alpabardas verdes

Carlos Lixó

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrei na casa e bañoume un cheiro intenso a caldeirada, a voz de miña nai ouvíuse no fondo, atende ao que ten túa nai, unha cousa que nunca viches, tróuxenos para ti. Enriba da mesa uns toros de peixe cocido que para os meus ollos pouco espertos podería ser perfectamente xarda apañada antes do tempo. Abre un, abre. E fiquei parvo. Tiña por dentro unha espiña dunha cor tan bonita e tan intensa e tan difícil de definir... O máis próximo sería o espazo entre verde mar e azul turquesa. Apunta a palabra que despois esquénceme, son pataguillóns.

Saquei o móbil e foto para o instagram e a procurar no google se aparecía calquera cousa. E aparecía, no medio dunha listaxe enorme de nomes para a mesma especie: alcrique, chandarme, crisna, croque, alpabarda... Alpabarda? Non pode ser. Había como pouco quince anos que non daba con tal cousa! Era o insulto diario que o meu veciño de porta con porta, aínda hoxe o meu mellor amigo, utilizaba comigo cando eramos nenos. Así que significaba iso, entre tantas hipóteses que eu me tiña formulado. Comparábame cun peixe azul longo e delgado e con cara de tesoira. E fíxome darlle á cachola sobre estes campos semánticos, case sempre vinculados coa natureza ou cos oficios tradicionais, en que se encontra unha variedade de termos colosal.

Pensei primeiro en como cando era adolescente a palabra pinchinar, algo así como abanar mais con matices realmente profundos, me parecía todo un símbolo da miña parroquia, e en como o que molaba de verdade era ese galego tan particular que chegara a min a través dos séculos de boca en boca, case como un segredo. Iso construíu unha parte central da miña identidade. Mais logo lembrei tamén cando ao chegar á universidade, xa debruzado na defensa da lingua, me frustraba que ás veces non se entendesen os meus matices, porque claro, ao se falar en cada sitio dun xeito... ao final o que se impón? O termo castelán que cadre. Que dilema. Como conxugarmos o común co particular?

E entón vino claro. Se na miña casa un peixe se chama dunha maneira e na do lado doutra non é que esteamos exactamente ante unha cuestión de identidade local. Máis localistas ca nós co noso rueiro, difícil. O que hai é por un lado unha riqueza brutal do idioma no seu conxunto e por outro unha perda de palabras que se dá de maneira aleatoria e irregular pola incidencia continuada do español. Iso é o que explica por exemplo o conflito no Carballiño co termo polbo, para min o máis natural do mundo, e que no entanto eu tivese que marchar fóra para ouvir algo tan corrente para outra xente como é ceo.

Pataguillón non é a miña palabra nin alpabarda a do meu amigo: todas son de todas. Todo é de todos. O detalle que algunha vez se perdeu na miña aldea se cadra conservouse, que sei eu, na montaña de Lugo, ou en Braga, ou nun poema de Pondal. Por acaso non é lindísimo? O local interpélanos sentimentalmente e o común únenos e permítenos coidarnos como colectivo. As palabras que nos pertencen están aí á espera de que as descubramos. O dilema inicial era falso.

De repente vibra o móbil cunha mensaxe privada de instagram dun compañeiro do traballo. Dime que na súa terra se chaman chínfanos. Adoro. Ficaches parvo fillo. É que esa cor é flipante mamá, parece veleno. Veleno do bo, pousa o móbil e come.

Artigo gañador da 14.ª edición do Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo (2018).