«É moi divertido ver aos pequenos, case non poden coas bicicletas»

F. Rodríguez / M. López

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Na tarde de onte eran 182 os preinscritos no Trofeo Concello de Carballo de ciclismo en ruta, a celebrarse mañá. Cóntao Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista Carballo

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista Carballo, que as probas nas que participan os máis pequerrechos son «organizadas practicamente para os pais», que se amosan orgullosos ante os avances dos seus fillos. «É moi divertido ver competir aos máis pequenos, de cinco e seis anos. Os pobres ás veces case non poden coas bicicletas», sinala entre risas Seoane.

Para a proba de mañá, a número 25 segundo as súas contas, agardan unha boa asistencia, aínda que miran ao ceo esperando que a chuvia prevista para toda a xornada lles dea unha pequena tregua ao longo da tarde para que os deportistas poidan competir en condicións e gozar dun día de confraternización.

-Unha nova proba ciclista en Carballo, apenas un mes despois da primeira Challenge Júnior.

-Pois si, e ademais, para ser a primeira vez que se celebraba, tivemos bastante éxito. Agora a continuar planificando cousas, ¡que xa collemos carreiriña!

-Todo isto implica uns laboriosos traballos de organización.

-No mes de novembro comezamos a definir un calendario de competicións, pero as probas preparámolas cun par de meses de antelación, como mínimo, para facer todas as reunións, ver o número de voluntarios que se precisan... É bastante traballo.

-Van xa uns cantos trofeos...

-¡Creo que 25! Vinte cinco edicións dunha carreira patrocinada en gran parte polo Concello, aínda que non sempre levou este nome, senón que foi mudando conforme pasaron os anos. Debe facer sete ou oito anos que se chama Trofeo Concello de Carballo, ¡aínda que moita xente coñécea aínda pola carreira de San Xoán!

-¿Qué categorías participan nesta nova proba?

-Toman parte na carreira a categoría promesa, principiantes, cadetes, alevíns e infantís; tanto masculinos como femininos.

-¿Agardan contar con boas cifras de asistencia?

-Polo xeral adoitan acudir uns 40 ou 45 deportistas por cada categoría. Hoxe [por onte], a falta dunhas horas para pechar as inscricións, temos 183 preinscritos. Está bastante ben, mantense na liña das últimas edicións.

-¿E en canto á procedencia?

-Polo xeral sempre galegos, polo menos nesta ocasión non nos consta que veña ningún equipo de fóra da comunidade.

-¿Qué horarios teñen?

-A Praza do Concello e a Gran Vía serán digamos os puntos centrais da carreira, polo que ese tramo de rúa estará cortada á circulación durante practicamente toda a tarde. Ás 16.30 saen os cadetes, que farán tres voltas nun percorrido que os levará cara Coristanco. Cabe avisar que as estradas terán cortes puntuais, de ao mellor 10 ou 15 minutos, mentres circulan os ciclistas por eses tramos en específico.