O colexio San Luís Romero recibe o premio Exposición Letras Galegas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

JOSÉ MANUEL CASAL

O secretario de política Lingüística, Valentín García, fará hoxe a entrega do galardón

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O colexio Xesús San Luís Romero de Carballo recibirá hoxe o Premio do Concurso Exposición do Día das Letras Galegas 2018, na modalidade de educación infantil e primaria. Esta é unha iniciativa posta en marcha desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, co obxectivo de que os equipos de dinamización da lingua galega dos diferentes niveis de ensino non universitario poidan difundir a figura e o legado de María Victoria Moreno -autora homenaxeada este ano polo 17 de maio- e conmemorar así o Día das Letras Galegas.

Deste xeito, a Xunta de Galicia puxo á disposición de toda a comunidade educativa galega uns carteis xunto a unha guía didáctica da exposición Victoriamoreno, mestra con alma, que distribuíu en preto de dous mil puntos de Galicia e do exterior.

Proxecto gañador

O proxecto elaborado polo colexio carballés que resultou vencedor -cun premio valorado en 2.000 euros- ofrece así un percorrido polos momentos máis significativos da vida e obra da autora a quen este ano se lle rende tributo. O acto de entrega deste galardón será no propio centro a partir das 10.00 horas. Estarán presentes, segundo foi anunciado, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e a directora do colexio, María Luisa López Losada, así como outras autoridades da Consellería de Educación. Unha mañá, pois, para celebrar.