A alegría da música compartida, un himno

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O Ano Europeo do Patrimonio Cultural festexouse en Carballo da man do Conservatorio, con concertos en varios espazos urbanos

10 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O concepto de música como patrimonio común e compartido ben pode entenderse da forma que onte se puido ver na Praza do Concello de Carballo. Dende o escenario, unha melodía de Bach tocada a frauta acompañaba tanto a aqueles que a escoitaban de pé, movendo lixeiramente os xeonllos, como aos que, cunha idade máis curta, se afanaban en pegarlle o mellor chute ao balón ou en facer a mellor parada. Nenos que corrían, nenos sentados ante o escenario en primeira fila, como se vén facendo dende hai xeracións, e nenos con chupete arrolados nos seus carros baixo tenues pezas e unha brisa algo máis forte. O mesmo movía as follas das partituras que facía danzar as bandeiras do consistorio. A galega, a española e, por suposto onte, a de Europa. Virían logo tres pezas populares americanas. E máis. E unha sorpresa a modo de bolero.

O Conservatorio Profesional de Música carballés sacou onte a música á rúa. Xunto co Concello, secundaron a convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da FEMP, para que o 9 de maio, Día de Europa, bandas e orquestras saian a fóra, a tocar. Así se fixo, primeiro coa Orquestra Infantil de Cámara e a Banda Infantil de Música no palco do Parque do Anllóns; despois co alumnado de piano e guitarra no Casino de Carballo, espazo emblemático da localidade, e máis tarde xa na praza, coas agrupacións de Cámara, a Orquestra Xuvenil de Corda, o Coro do centro e, finalmente, a Big Band de Jazz. Aires de verán sopraban nas actuacións a descuberto, preludio e esencia do San Xoán. Nos distintos espazos, un fío condutor, a Oda á alegría musicada por Beethoven, que é ademais o Himno de Europa.

Ana Garcia

Formou parte así do repertorio conmemorativo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, este 2018 en marcha. Empezou a tarde algo frouxa en canto a tempo, con máis nubes ca sol, pero a medida que pasaban as horas foi mellorando e, a non ser polas temperaturas, ninguén podería ter dito que non semellaba unha tarde-noite de case-verán. Segue hoxe a actividade no Conservatorio, co concerto do cuarteto CatroCores no Pazo. Logo, tocará descansar mañá para coller forzas para o sábado. Ese día, dous pianistas e o grupo de clarinetes tocarán na entrega de premios dos Contos de Primavera. Onte pedían «outra!», e máis haberá.