«Tiña a necesidade de escribir as letras das cancións, e creo que ese foi o berce da poesía»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Logo de tocar 22 anos en distintos grupos, o carballés José Ramón Sánchez Varela ten publicado un vídeopoemario na rede, «Enxeñaría efémera»

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O carballés José Ramón Sánchez Varela (1975) arroupa os seus versos con música, con imaxe e con voz. Vén de publicar un vídeopoemario de 13 capítulos en Internet, Enxeñaría efémera, tamén dispoñible en deuvedé. Ten canle en YouTube e en Vimeo, e unha curiosa historia detrás. Contará parte dela o vindeiro 18 de maio, durante a presentación na biblioteca Rego da Balsa. Agora, traballa xa noutro poemario. «Escribir é unha carreira a longo prazo», asegura.

-¿Como chegou ata aquí?

-Empecei a escribir poesía hai catro anos, logo de tocar 22 en grupos de música. Cando deixei isto último algo de lado necesitaba expresarme doutra forma, precisábao. Así escribín este poemario, en principio con 26 poemas. Envieino a editoriais e concursos e, sen lograr gran cousa, optei por esmiuzalo. Daquela si, enviando poemas a certames, gañaron algún segundo e primeiro premio. A eses outros que quedaron aí, que quizais non consideraba tan aptos, quixen darlles tamén unha segunda oportunidade. Aí xurdiron os vídeopoemas, algo inicialmente moi caseiro, subidos a YouTube, para que no se esquecesen. Tiveron tan boa aceptación que decidín facelos todos. Así xurdiu.

-¿E o formato deuvedé?

-Non ía facelo, porque está un tanto obsoleto o formato físico, pero para promoción e todo iso si que vía máis necesario algo que se puidese tocar, algo que fose palpable. Enviar un enlace web non é o mesmo.

-¿Os 26 poemas son dunha mesma época, teñen nexo?

-Si, son a historia dunha parella, dende o comezo ata os seus últimos días. É curioso que se les o poemario só, non hai un xénero. Non podes dicir se son dous homes, home e muller, mulleres... Non o sabes. Pero ao plasmalo en vídeo, hai un poema que ten un diálogo. Daquela tiven que elixir, e contei coa colaboración dunha amiga. Este poemario é unha viaxe vitalicia de dous contra o mundo. Teñen que emigrar, que foi o que lle pasou a meu pai e o que segue pasando.

-Escribir, gravar a voz, a imaxe, a edición... É un traballo.

-Si... Tiña a poesía do 2015, pero logo houbo que gravar a narración, os vídeos... Hai cinco que son deseños de ordenador e oito con imaxes. Tres corresponden á Pedra do Sal, outro a Cotobade e mesmo hai un de Mondoñedo, aproveitando que o ano pasado quedei terceiro no certame Leiras Pulpeiro. Subín inicialmente 5, pero necesitaba rematar a historia, tamén por ese apoio da xente. Foi un traballo esixente que comecei en setembro do 2017 e rematei en febreiro deste ano. Aprendín moito deste proceso, creo que foi das cousas que máis me levaron a aprender. E non me esperaba para nada a acollida que tivo. Hoxe en día a arte é moi visual.

-¿A música ou a poesía foron algunha vez o seu modo de vida?

-Non. Polo estilo de música xa nada, ¡heavy metal! E polo da poesía tampouco. Afortunadamente teño un traballo que me dá para vivir [estudou administrativo, comezou empresariais e está empregado en Inditex]. Hai poucos poetas en Galicia que poidan vivir da poesía. Sempre tiven a necesidade de facer as letras das cancións e, aínda sendo heavy, creo que ese foi o berce de comezar como poeta, sen sabelo. No último grupo no que estiven, Traboute, que durou 10 anos, dende o 2006-2007, cantabamos xa en galego. Empezara no 96 con xente de Cabana e Malpica. Logo pasei por outros grupos, como Carraxe, con xente de Carballo. Chegamos a tocar no festival Derrame Rock.