«Todo o que sae do Interplay ten sempre moi boa pinta»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Jorge Parri

O humorista Pedro Brandariz volve ao Interplay cunha serie web para concurso e cun divertido «show» radiofónico

05 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cara coñecida a de Pedro Brandariz por Carballo. Un veterano xa do Interplay, este ano non só vén como participante, senón como convidado co espectáculo Ojo Cuidao Live Show. Di Brandariz que el xa non é un Millenial, senón un Vellenial, e que as novidades que presenta cada ano o festival o deixan, cando menos, sorprendido. Onte, na apertura da cita, que vai xa pola quinta edición, presentouse o resultado do campamento Kamikaze. Tres días de intenso traballo para producir unha serie web, na que el tamén foi peza clave.

-¿É realmente factible idear, gravar e posproducir unha serie web en apenas 3 días?

-Con toda esta xente que nos reunimos a favor da obra, ¡ata sobraron horas! Foi un traballo moi intenso a verdade, pero xuntouse xente con moitísimo talento, e cada un de nós dando o mellor de si. Saíron cousas moi chulas.

-Grupo numeroso, ademais.

-Pois eramos 25, e comandados por instrutores de primeiro nivel. Eu neste caso vin como participante puro e duro. Cando coñecín esta idea dixen: «Pois aí vou de cabeza». O certo é que todo o que sae do Interplay ten sempre moi boa pinta e non mo podía perder por nada do mundo.

-¿Deu froitos o traballo destas tres intensas xornadas?

-Chegamos a producir tres capítulos dunha serie web, Dinosaurio, que eu agardo que siga medrando co tempo.

-Cóntenos o argumento.

-Os tres episodios son realmente illados entre eles. Simplemente parte dun punto común que é a desaparición de Internet. Apágase a rede. Esa circunstancia -que non sei se é moi factible ou non- pois evidentemente condiciona a vida de moitas persoas, pois hoxe en día utilizamos Internet para todo.

-O certo é que parten dunha hipótese ben catastrófica.

-¡Pois si! É unha circunstancia bastante irreal, pero, ao ser ficción, podemos inventarnos o que queiramos, e neste caso partimos dun punto no que hai unha persoa que, simplemente con pulsar un botón, acaba con todo.

-Faltaría Internet, e tamén a plataforma para dar cabida a todos estes contidos de tipo serie web que se presentan esta semana no Interplay.

-Hoxe en día xa non podemos falar de series web case, senón de contidos dixitais que consumimos xa sexa voluntaria ou involuntariamente. Están aí e están mudando os nosos patróns de consumo. A xente nova hoxe en día ve vídeos de moi curta duración, parece que xa só os vellos vemos películas enteiras. Creo que Carballo, dende este punto de vista, é punteiro, xa que creou un festival especificamente deseñado para este campo, ao que vén ademais xente de todo o mundo. De feito neste campamento había xente de Sevilla, Barcelona e moitas partes de España. Moitos deles viñan mesmo unicamente para o campamento, xa que é único.

-Vén tamén como convidado.

-Vimos cunha serie web coa que participamos na sección oficial do concurso. Galicia crime se chama, e está ambientada e gravada en Carballo, coa participación da policía do estado de CarbaYork (creo que xa se pode intuír que é humorística). Ademais estamos co espectáculo Ojo cuidao Live Show, un programa de radio que gravamos en vídeo para emitir por Internet (¡unha cousa rara!) e que producimos mensualmente dende A Coruña pero que neste caso, e dada a ocasión especial, o faremos dende Carballo.

-Moita novidade e moita actualidade neste Interplay.

-Nese caso hai que dicir que Sonia Méndez e o seu equipo son uns grandes, porque estar ao tanto de todo é complicadísimo, xa que Internet é inabarcable. Porén, traen todo o que está sendo punteiro e mesmo moita novidade.

Ana Garcia

Despois de tres días de intenso traballo, Brandariz e compañía presentaron Dinosaurio ante o público que asistiu á inauguración do festival. Por diante quedan varias xornadas de achegamento profesional, proxeccións, conferencias e charlas dos temas máis actuais. Comeza o quinto Interplay! foto