«Queremos que a Casa da Xuventude teña vida propia, que os mozos a usen»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Xan Carlos Ansia Rodríguez informa da pronta posta en marcha de varios obradoiros destinados á mocidade

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A xornada de portas abertas celebrada este pasado sábado no Espazo Xove de Carballo foi o primeiro paso cara unha nova etapa. Quéreselle dar un impulso. Xan Carlos Ansia Rodríguez, veciño de Santiago nado no 1961, é dende comezos de febreiro o novo director deste Espazo, cuxa antiga denominación por parte da Xunta era Casa da Xuventude. É así como a seguen coñecendo en Carballo e á así tamén como el fala dela, «para que a xente se ubique e saiba onde está». Empregado público, Ansia Rodríguez estudou xornalismo en Santiago.

-¿Por que este cambio?

-O centro estivo un tempo sen dirección, porque a persoa que estaba collera unha baixa e agora xubilouse. Ao quedar a vacante, foi cando a Xunta a sacou a concurso e a collín eu. Facémolo con esa ilusión de reflotar o espazo, con ganas de poñer en marcha actividades e de que as asociacións de Carballo empreguen ese lugar que hai alí. Foi moi utilizado hai anos por entidades, pola xuventude, pero logo quedou algo parado. Queremos darlle uso, que asociacións como Nemeth ou como o Club Xadrez Xiria, que xa están colaborando, aínda o fagan máis. Que haxa teatro, baile, gaita, pandeireta... Trátase de ser como unha alternativa, en pequeno, á oferta cultural que hai en Carballo.

-¿Calquera asociación interesada podería contactar co Espazo?

-Efectivamente, calquera que precise un espazo para desenvolver as súas actividades. Nós cederiamos unha aula, ou o salón de actos, ou mesmo algunha zona máis ampla, como unha sala de exposicións, onde se poden facer ata bailes. Agora estase facendo alí capoeira. Como Espazo Xove, tamén faremos actividades que son propias, uns obradoiros gratuítos para que mozos dos 12 anos en adiante, ata os 30 ou así, poidan anotarse. Teatro, oratoria, muralismo, músicas urbanas cun DJ... Todo está máis ben orientado cara a xuventude, aínda que tampouco poñemos un límite concreto de idade.

-¿Vostede estaba xa vinculado a esta Casa dalgunha maneira?

-Non, para nada [ri]. Eu veño do sector da terceira idade, das residencias. Algo totalmente distinto, pero cólloo con moita ilusión e con ganas de traballar, afrontando o reto. Queremos que a Casa da Xuventude de Carballo teña vida propia, que os mozos a empreguen e convivan alí, de xeito que sexa unha alternativa de ocio cultural e formativa. Estamos dentro da Rede da Xunta de Galicia dos Espazos Xoves, e nese sentido teremos outra función, administrativa: todo o tema dos campamentos xuvenís, os programas de formación e apoio aos mozos que fai a Administración autonómica... Informaremos e participaremos en todo iso.

-¿Que balance fai desta xornada de portas abertas que fixeron?

-Moi bo, porque participaron todas as asociacións que estaban vindo: Nemeth; xadrez; a actriz Alba Bermúdez, que será a encargada de impartir o obradoiro de teatro; o estudo Garabato; un DJ... Queriamos que todo isto comece a abrirse, de aí a xornada.

-¿O Pazo tiña suplido dalgún xeito a función da Casa da Xuventude?

-Si, quizais. O Conservatorio de Música estaba antes aquí, na Casa da Xuventude. Foise quedando algo atrás, e a oferta cultural de Carballo é moi boa. Quedei sorprendido tamén das instalacións: o Pazo da Cultura, o Fórum, a biblioteca Rego da Balsa... Fun xa un par de veces, tamén a un concerto do Curruncho Pop, e gustoume moito. En todo caso, nós non queremos ser competencia do Concello a ningún nivel, para nada, senón exercer as nosas funcións dun xeito modesto, humildemente. O noso orzamento tampouco non ten comparación.