«A neuroloxía non é unha rama difícil como pensan moitos médicos»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

XOÁN A. SOLER

Manuel Arias impartirá hoxe unha conferencia en Carballo sobre a relación entre música e cerebro

20 mar 2018 . Actualizado a las 12:06 h.

O seu pasado como músico, chegando a ser fundador do Grupo de Cámara da Universidade de Santiago, ademais da súa colaboración no grupo Milladoiro, levaron ao xefe de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago e un dos descubridores da ataxia da Costa da Morte, Manuel Arias Gómez (Cenlle, Ourense, 1954), a interesarse pola relación entre a música e a neuroloxía. Un tema sobre o que falará hoxe pola tarde no Instituto Alfredo Brañas de Carballo.

-A súa charla titúlase «Música e cerebro». ¿Que lle contará aos rapaces?

-Ensinareilles que o cerebro é a parte capital do individuo e que, ademais de ter as funcións de regular a mobilidade, a sensibilidade ou a fala, tamén ten unha linguaxe especial que é a musica, e que quizais xa se desenvolveu moito antes de que a especies humana falase. A lingua musical procésase no cerebro de xeito moi diferente á lingua falada. Por exemplo, un pode perder a capacidade de falar, pero non a de cantar. Tratarei tamén de poñerlle exemplos da relación da música con outras ramas. Será unha clase para que os alumnos comprendan que a neuroloxía non é unha especialidade difícil como pensan moitos médicos, senón que está moi de moda falar de neurocultura, neuropolítica ou neuromusicoloxía.

«A músicoterapia estase impoñendo como unha alternativa terapéutica»

-Partindo disto último, ¿deberíase estudar máis a músicoterapia?

-Si, estase impoñendo como unha alternativa terapéutica. É unha linguaxe feita para comunicar sentimentos e emocións. E xa hai moitos doentes que se benefician disto.

-¿Escoitar melodías pode entón ter beneficios terapéuticos?

-Efectivamente. Unha das cousas que se está estudando nos últimos anos é a plasticidade cerebral dos músculos.

-O seu perfil como neurólogo sáese un pouco da clínica habitual. ¿Este interese pola relación entre música e neuroloxía tivo que ver co seu pasado como músico?

-Si, o meu pasado musical unido ao meu cargo actual na Sociedade Española de Neuroloxía coordinando ao grupo de neurohistoria e Humanidades. Penso que a bagaxe cultural é fundamental nun médico neurólogo, psiquiatra ou psicólogo.

-¿Cales diría que son os retos da neuroloxía moderna?

-As enfermidades dexenerativas e hereditarias son dous dos desafíos máis importantes. Doenzas como o alzhéimer, o párkinson, a esclerose múltiple e outras un pouco máis minoritarias como a ataxia, necesitan aínda de moitos estudos para poder chegar a unha cura.

-En referencia á ataxia, vostede foi un dos que descubriu este alcumado mal da Costa da Morte. ¿Como avanzan as investigacións desta doenza neurodexenerativa?

-Desde que coñecemos a mutación no ano 2011 ata a actualidade melloráronse moitas cousas, pero aínda estamos pendentes de poder facer un ensaio clínico e terapéutico. O congreso internacional da ataxia SCA36 que se celebrará en Cabana a finais de xuño reunirá a científicos de todo o mundo que avaliarán o estado actual desta enfermidade.

-Vostede foi quen atendeu aos primeiros doentes nos anos 90.

-Si, foi unha especie de casualidade. O meu primeiro paciente foi un home de Malpica. Había detalles que me levaron a pensar que aquela tiña que ser unha enfermidade nova e rara, non rexistrada ata o momento. Polo que decidín visitar algunhas casas da comarca de Bergantiños. Despois de arquivar varios casos foi no 2005 cando fixen, xunto coa investigadora María Jesús Sobrido, o primeiro estudo.