Rosalía Fernández, sobre «Bonus Track»: «Hai unha evolución que é inherente á persoa»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

A carballesa-muxiá presenta nova obra. Estréase no campo do relato, aínda que mantén a súa carga lírica

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A carballesa Rosalía Fernández Rial presentou onte na biblioteca Rego da Balsa, «na casa», a súa nova obra Bonus Track e a súa primeira aproximación ao basto mundo do relato. Bonus Track por dous motivos, di Fernández Rial. O primeiro, pola gran carga musical que leva consigo o libro, pois as cancións actúan como fío condutor ao longo de toda a obra. A segunda razón corresponde a un aspecto máis íntimo, máis poético.

«Correspóndese con iso que sentimos cando nalgún momento da nosa vida nos parece que non queda nada, pero de repente aparece un bonus track que nos fai recuperar a esperanza», explicaba Rosalía en Radio Voz o pasado mércores. Isto é, dun xeito ou doutro, o que lles sucede aos protagonistas dos 22 relatos que compoñen este volume, cuxa mensaxe principal radica no positivismo, na esperanza.

«Na sinopse, de feito, excribín: Son relatos que tecín con letras de cancións e con derradeiras esperanzas. Non me gusta condicionar moito ao lector á hora de interpretar a obra, non creo que a escritora sexa a que teña a visión máis obxectiva, nin moito menos», apuntaba. Gran paso o dado por Fernández Rial nesta obra, pois abandona momentaneamente a lírica, o que dende sempre foi o seu campo por excelencia. Aínda así, explica ela, os relatos levan implícita unha gran carga poética, «aínda que o xeito de escribir sexa diferente. Hai unha evolución que é inherente á persoa. Os cambios que vou sufrindo eu vense reflectidos na miña escrita».

Ao seu potencial público obxectivo indícalle que se «deixe levar», non só polas verbas, senón pola musicalidade. De feito, anímaos a escoitar unha listaxe de reprodución feita pública pola editorial na que figuran todos os temas que soan ao longo da obra. «Considero que pode enriquecer enormemente o relato, xa se escoiten antes, durante ou despois».

Ademais da presentación que tivo lugar onte na biblioteca Rego da Balsa, e na que a autora estivo acompañada pola escritora Mercedes Queixas e polo músico Rubén LG, Rosalía levou estreou nunha unha libraría santiaguesa o mércores, na que compartiu escena con A Banda da Loba.