«Pasouse de nada a que o club sexa coñecido a nivel galego»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

«Foi de menos a máis, a forza de moito esforzo e horas de traballo. E non só miñas, senón de tódolos compañeiros», explica Genaro Castiñeiras, presidente do Club Ciclista Carballo

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Ciclista Carballo cumprirá en setembro os trinta anos dende a súa fundación. Pero isto non sería posible se un home como Genaro Castiñeiras (Carballo, 1950) fixera da súa afección á bicicleta unha gran comunidade. E aínda que agora está xubilado, segue vinculado dalgún modo á entidade que fundou, tendo sempre, para ela, os seus mellores desexos.

-¿Como xurdiu a idea de montar o club?

-Eu tiña 38 anos e era afeccionado á bicicleta, e un día apareceu polo meu taller de mobles, pois era ebanista, Xosé Antón Iglesias, outro que de vez en cando saída dar unha volta sobre rodas, e propúxome crear un club. E aló comezamos, xunto con José Francisco Pose, Fernando Vitolo e Francisco García.

O primeiro que fixemos foi buscar patrocinador, Desguaces Lema e, logo, unhas carreiras de promoción en Carballo para que os máis novos se animasen. Máis tarde, xa organizamos unha proba anual, nas vésperas de San Xoán, en colaboración co club ciclista coruñés, que presidía Raúl Rey. E a día de hoxe séguese facendo, aínda que noutras datas por temas federativos. Entón houbo que buscar, de novo, máis patrocinadores. Un deles foi Conservas Calvo.

-¿Durante cantos anos foi o presidente?

-Preto de cinco anos e, logo, entrou o médico Juan Carlos del Valle. Pero sempre estiven vinculado ó club, só que en vez de na directiva, botando unha man nas carreiras, algo que aínda fago a día de hoxe.

-Pero tamén competían, ¿non?

-Si, empezamos a ter unha escola de rapaces alevíns, infantís e cadetes, e chegamos a xuvenís, pero de aí para adiante xa non conseguimos pasar porque en Carballo non había a afección que hai hoxe en día. O ciclismo máis ben era de Santiago para abaixo, sobre todo por Pontevedra. Ademais, aí xa había que dedicarlle máis horas de adestramento e os mozos tiñan exames, polo que se facía moi duro.

-¿Cantos membros houbo ó principio?

-Bf... van tantos anos xa, que non me lembro. Pero o que teño claro é que foi de menos a máis, a forza de moito esforzo e moitas horas de traballo. E non só miñas, senón de tódolos compañeiros. Lembro que alugamos un local para que os rapaces tivesen onde facer a pretempada. Pero despois si que xa comezamos a ter ciclistas moi bos que quedaban entres os primeiros nas carreiras. E con Juan Carlos Díaz del Valle aínda foi a máis, porque nos metemos no mundo do ciclismo a fondo.

-Vostede co seu club axudou moito no fomento deste deporte na comarca.

-Si, foi o primeiro club ciclista en Carballo e, á raíz diso, comezou a haber afección por este deporte na zona, porque aínda lembro cando eu era máis mozo e pasaba os domingos por diante dos bares na bicicleta e me dicían: «¡Estás tolo! Se foses traballar...». Por aqueles tempos o único deporte que había era o fútbol.

-¿Cales foron as mellores alegrías que lle regalou o club?

-Moitas. Sempre fas amizades e tes satisfacción cos rapaces. Aínda que tamén tivemos algunhas desgrazas, como un rapaz que morreu por cáncer e outros por accidentes de tráfico. Pero o que sempre me quedou gravado é o que nos dicía a xente que viña ás carreiras de Carballo, que eran as mellores, con policía, protección civil e ambulancia.

-¿Como ve agora a escola?

-Vanesa Loureiro e Juan Seoane lévana moi ben, con mozos que xa gañaron moitas probas. Pódese dicir que pasouse de nada, a que o Club Ciclista Carballo sexa coñecido a nivel galego e veñan equipos de fóra como Asturias, Castela e León e, incluso, Portugal, ás citas que se organizan.

-Non é fácil mantelo tantos anos.

-Para nada. Hai pouco apoio económico e menos afección ca noutros deportes.

-¿Segue practicando este deporte?

-Na bicicleta camiñei toda a vida, porque o fútbol nunca me gustou. E a partir dos 27 anos foi cando merquei unha de carreira e comecei a practicar. Pero agora xa hai moito que non a collo, aínda que debería, e bótoa de menos. Os amigos sempre saiamos de traballar e íamos ata Malpica, Ponteceso, Montemaior, A Silva... e os domingos xa faciamos recorridos máis grandes de 90 quilómetros.