«O Casino está espertando de novo»

O novo responsable, Víctor Lorenzo, fai un chamamento ao pobo de Carballo para que se implique


carballo / la voz

Logo dunhas semanas incertas nas que todo parecía indicar que o Casino de Carballo tiña os días contados, parece que a institución máis antiga de Carballo reflota de novo. E faino grazas ás moitas ganas e iniciativa dun novo equipo, o de sete mozos carballeses liderados por Víctor Lorenzo (Carballo, 1974): «Queremos servir como amalgama de todos os proxectos sociais e culturais que poidan xurdir no pobo».

-¿En que momento xorde a nova directiva?

-Foi a raíz da noticia da posible desaparición do Casino, o que entroncou directamente cunha vella aspiración que entre varias persoas de Carballo viñamos planeando desde hai tempo. Tiñamos na mente outro espazo, máis na liña dos centros sociais auto xestionados, e no que puideramos facer outro tipo de actividades máis aló das do sector público. Nunca pensaramos no Casino, pero parece que tropezou con ese desexo de atopar un lugar distinto. Non tivemos tempo para pensalo moito, polo que foi todo a contra reloxo.

-¿Cantos son?

-Inicialmente xuntámonos sete persoas, das que dúas caeron porque pensaron que non podían comprometerse neste momento na medida que a eles lles gustaría. Polo que quedamos cinco, aos que xa se sumaron tres máis.

-O Casino reflota de novo. ¿Con que obxectivo parten?

-É moi complexo falar dun só obxectivo. Trátase de algo experimental, incluso para nós mesmos porque só temos experiencia como consumidores deste tipo de espazos. Unha das nosas primeiras pretensións é ser un centro neurálxico onde tecer redes con todas as asociacións carballesas, e sacar, así, iniciativas en común. Servir como amalgama de todos os proxectos sociais e culturais que poidan xurdir no pobo. Outro dos obxectivos é darlle voz a todo ese tecido artístico carballés, que se presenten e coñecelos a todos, que son moitos.

-Moitos carballeses tiñan unha imaxe allea e asociada á elite do edificio histórico, vinculada tamén ao seu pasado. ¿Como cambiarán esa visión?

-Digamos que esa concepción xa cambia coa actual directiva. As novas caras non teñen nada que ver con esa imaxe. Xa estamos traballando nas redes sociais, con algo moderno e actual. Tamén temos un novo logo e unha campaña de comunicación, que en breves lanzaremos. É un pouco cedo aínda, temos moitas cousas no forno, e queremos facelas ben desde o principio. Ter a mensaxe clara. Por outra parte, está o tema da Administración, que dá bastante traballo, e todo leva tempo. O Casino está como espertando de novo.

-¿A que público se dirixen principalmente?

-Somos xente nova, polo que estamos dirixidos a outro tipo de público diferente ao que había antes. Pero non podemos esquecer aos 166 socios que mantiveron as instalacións ata agora, e que seguen pagando as súas cotas. Por suposto, isto hai que valoralo, respectalo e telo moi en conta. É primordial abrir ventás e sacudir alfombras, pero non esquecer o que hai aí.

-Quen pase estes días por diante do inmoble pode ler nos seus cristais a frase «Soas non podemos, con amigas si». ¿A quen precisa o Casino para saír adiante?

-Precisamos a todo o pobo. A directiva non vai salvar o Casino, oito persoas soas non chegan. Nós podemos comezar o proceso, algo así como facer o saque de honra, pero ten que sumarse moita xente máis ao equipo. O que necesitamos con máis urxencia son socios e cartos, ter liquidez para afrontar os gastos correntes. Hai moitas cousas que solucionar, precisamos de man de obra. Temos pensado organizar unhas xornadas de traballo común voluntario, e toda a xente que se queira apuntar será benvida. A resposta por parte da xente está sendo boa, interésanse e veñen darse de alta coma socios, polo que estamos moi contentos e, sobre todo, esperanzados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«O Casino está espertando de novo»