A solución, taxa cero

Xosé M.ª Arán VICEPRESIDENTE DE VIEIRO

CARBALLO MUNICIPIO

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando falamos de drogas, porque non esquezamos que o alcol é unha delas e bastante potente aínda que sexa legal, está claro que temos que ter presente o binomio alcol-coche, que dá sempre un resultado negativo. O normal sería que calquera que tivera que conducir non se lle permitira, por lei, o seu consumo.

Escoitamos, lemos ou vemos as consecuencias da inxestión excesiva de alcol e tamén os resultados dos test que fan as forzas de seguridade, que mostran unhas taxas curiosas e máis se imos os controis máis preto de nós, os das policías locais. En Carballo, tanto no 2016 como no 2017, do total de positivos, os que van pola vía penal case duplican aos administrativos, tendo en conta que non estamos a falar dos drogotest, que, pola súa recente implantación, carecemos de datos estatísticos no tempo.

Sexa cal sexa a proporción, hai que ir o fondo do asunto, que non é outro que a educación viaria, xa que temos unha sociedade en que todo ten que pasar pola celebración con alcol, e as consecuencias destes comportamentos á hora de conducir como de actuar noutros ámbitos soe traer experiencias nefastas.

Tamén é certo que se mellorou moito, pero, por desgraza, non foi pola concienciación da sociedade, senón pola vía sancionadora. Non fai falla mirar moito atrás para ver o que se consumía de alcol antes en comparación con agora

A liberdade dun comeza onde empeza a do outro e cando un non é consciente disto, malo. A avaliación está clara: a xente mide moito máis coller o coche cando fai un consumo de alcol, pero tamén é certo que o que decide collelo tende a ter as taxas de alcol permitido moi por enriba das normais porque a súa percepción da realidade está tan distorsionada que pensa que controla a situación e coma sempre, non todas as persoas e as súas tolerancias son iguais, por iso o mellor é poñer como norma a taxa cero.

Pero a responsabilidade primeira é do condutor, que consumiu, pero non é menos certo que tamén somos todos responsables de deixadez moitas veces do que está a pasar, ou mirar para outro lado, cando permitimos estas condutas é un tema de solidariedade e civismo o demais son lerias.