«No partido do Deportivo contra o Sporting de Lisboa parei tres penaltis»

Con só 13 anos, o deportista carballés Rodrigo Toja Mariño adestra dende hai un ano nos infantís do Deportivo de La Coruña


carballo / La Voz

Trátase dunha nova promesa do fútbol. Rodrigo Toja Mariño (Carballo, 2005) xoga dende que era cativo a un dos deportes máis populares e practicados hoxe en día. «Vin que estaba cómodo e que o pasaba ben, polo que seguín». Rodrigo relata así porque decidiu ser gardameta, unha posición no campo que o levou a fichar hai un ano polo equipo infantil do Deportivo de La Coruña, co que viaxa continuamente para xogar partidos. Recentemente, estivo en Alemania e Lisboa.

-¿A que idade comezou a xogar ó fútbol?

-Comecei a xogar cando tiña 4 anos. Foi nas categorías inferiores das Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz de Carballo. Recordo que o meu primeiro torneo como gardameta foi con 8 anos en Dorneda, Oleiros, cando tiven que substituír ó porteiro do equipo.

-¿De onde lle vén a súa afección por este deporte?

-Dende pequeno, sempre tiven ganas de darlle patadas ó balón, e ninguén mas puido quitar. A miña familia está moi concienciada cos deportes. Eu comecei probando no fútbol e na natación, pero finalmente decanteime polo primeiro. A natación tívena que deixar de lado porque non teño tempo para máis.

-Dentro do xogo, elixiu ser porteiro, ¿por que?

-Vin que estaba cómodo e que o pasaba ben, polo que decidín probar. Logo dun ano de ensaios, tomei a decisión.

-¿Como se sente sendo tan novo e levando a camiseta branquiazul?

-Estou moi contento por formar parte deste equipo tan grande. Fai falta moito traballo e esforzo para chegar ata arriba e seguir medrando nas categorías.

-¿Cal lembra que foi o mellor momento dos ata agora vividos no mundo do fútbol?

-Eu creo que foi o último torneo no que participei co Deportivo en Lisboa, no que fomos avanzando pouco a pouco ata chegar ó final. Xogabamos contra o Sporting de Lisboa e, ao remate do encontro, tivemos que ir a penaltis. Eran cinco, eu parei tres e o equipo meteu os restantes, polo que gañamos o partido. Foi moi emocionante.

-¿Que aspectos físicos considera máis importantes para un gardameta?

-Axuda un pouco a altura, aínda que nas categorías inferiores non se mire tanto. Tamén é moi importante a axilidade e ter forza nos pés.

-O fútbol é cada vez máis un deporte de masas. Moitas persoas consideran aos deportistas como os seus ídolos. ¿Cal é o seu referente?

-Eu creo que o meu máximo referente e o adestrador que máis me gusta é Manuel Neuer, porteiro do Bayern de Múnich. Miña nai sempre mo inculcou así, dime que me parezo moito a el. Non sei por que o di, pero eu sigo confiando nela. Tamén me chama moito Marc-André ter Stegen, porteiro do Barça.

«Todo o que vivín até agora débollo ó club que me viu nacer, a Escola de Porteiros Nordés»

Rodrigo conta que todo o que conseguiu até agora na súa traxectoria futbolística foi grazas á Escola de Porteiros Nordés e, como non, ós seus adestradores Agustín Elduayen e Óscar Rama, Trucho. Pero, asemade, é consciente de que aínda queda moito por camiñar.

-Non todo o mundo consegue chegar ao Deportivo. ¿Que lle diría a todos eses rapaces que, coma no seu caso, aspiran a ter éxito no fútbol?

-Animaríaos e diríalles que, aínda que sexan moi novos, intenten aprender tanto coma min. Que sexan humildes e, sobre todo, traballadores.

-¿Que apoio recibe por parte da súa familia?

-Miña nai intenta vir aos torneos que pode. Recoñezo que o paso mellor cando está ela, porque me anima moito. O apoio é fundamental, pero tamén a conciencia de cada un. Aínda que non estea a túa familia hai que traballar igual.

-Aínda é novo. ¿Que metas ten e cal é o seu afán neste ámbito?

-O meu desexo sería poder chegar ó primeiro equipo do Dépor e xogar moitos partidos. Iso, mediante o esforzo, o traballo e a axuda dos meus adestradores. A miña meta é, pois, debutar en Primeira División e facelo o mellor posible e, ao fin e ao cabo, pasalo ben.

-Ademais de ser xogador, ¿hai algo máis ao que lle gustaría dedicarse?

-O fútbol é o que máis me convence por agora. Por iso, aínda que non consiga chegar a Primeira División, gustaríame ser adestrador de porteiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«No partido do Deportivo contra o Sporting de Lisboa parei tres penaltis»