Case 120 anos despois da súa morte, Brañas segue máis vivo ca nunca

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

No 118 aniversario do seu pasamento, a figura do autor carballés está a ser lembrada máis ca nunca antes

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfredo Brañas morreu sen poder ver apenas qué depararía o novo século para Galicia, pero tendo deixado atrás un legado que, nin sequera a día de hoxe, un pode chegar a imaxinar.

No 118 aniversario do seu pasamento, e apenas un mes despois de ter celebrado a efeméride do seu nacemento, cabe analizar unha curiosa peza do autor carballés: un poema que ben puido terse convertido no himno galego, pois foi creado con ese fin, aínda que non chegou a correr a mesma sorte que o bardo pontecesán Eduardo Pondal.

Pouco se coñece desta peza lírica titulada Deus Fratesque Gallaecia (podería traducirse como Irmán de Deus e de Galicia; Brañas era unha persoa moi relixiosa), máis ca que foi musicada arredor do 1911 por Luis Taibo García e que foi empregada polas Mocidades Galeguistas de Ultreia como un dos seus himnos.

José Manuel Cameán Vázquez, un dos maiores impulsores no proxecto que persegue trasladar a Fundación Alfredo Brañas a Carballo, sinala que, pese a levar xa tempo estudando a obra do bergantiñán, este segue a sorprendelo. «Sobre todo, a súa gran diversidade cultural: foi político, docente, relixioso, creador e xornalista», explica Cameán, quen considera, ademais, de extrema necesidade que se lle confira o valor «que merece». «Segundo profundizo doume conta da gran relevancia histórica que tivo», engade.

Deus Fratesque Gallaecia

Casta dos celtas, esperta axiña!

ergue do fango da escravitú!

pátrea da ialma, teus ceibes cantos

enchen o mundo de norte a sur.

Dos meus pasados bendita terra,

Nai amorosa da miña nai

creva as cadeas que te asoballan

e cingue a croa la libertá.

Cantai galegos, o himno xigante

dos pobos libres, dos pobos grandes,

cantai, galegos, a idea santea

da independeza da nosa Pátrea.

Os de Castela son castelaos

os de Galiza galegos son,

pero non somos, como españoles,

Nin eles amos, nin servos nós.

Das costas bravas de Finisterre

astra as douradas beiras do Sil,

ruxen os berros de guerra a morte

contra os tiranos do meu país.

Ártabros forte, feros brigantes,

sombras quiridas doutras edades,

prestade alentos ós que batallan

por esta meiga pequeña Pátrea.

*Poema do autor carballés que optou a converterse na letra do himno galego, con música composta por Luis Taibo García.