A mocidade da Costa da Morte opta polo galego para comunicarse no seu día a día

Paula Vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A cantante Ses, nunhas xornadas de normalización lingúística en Carballo
A cantante Ses, nunhas xornadas de normalización lingúística en Carballo Alba Romero

Os expertos na materia din que a única maneira de que a lingua galega non desapareza é coa transmisión de pais a fillos

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando as marcas se gravan a ferro e a dor e a xenreira non deixan sorrir, as penurias van alén da fame, falta a identidade que axuda a vivir. Moito antes de que Miriam Rodríguez -a concursante eumesa da recentemente finalizada edición de Operación Triunfo- seducise aos fans do programa interpretando en galego Tempestades de Sal, María Xosé Silvar, Sés, xa cantaba a prol do feminismo e da denuncia social pola desaparición da cultura galega. «Eu nunca criaría a un fillo noutra lingua que non fose a miña. O galego está en vías de extinción. Paréceme que deixar morrer un idioma é de pailáns», sostiña onte a cantante.

Hoxe, 21 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, en recoñecemento do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952 cando varios estudantes morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas en defensa do idioma bengalí. A fala materna é o primeiro idioma que aprende unha persoa. Ata hai unhas poucas décadas, independentemente do idioma empregado no ensino ou dos hábitos lingüísticos posteriores, a lingua de berce en Galicia era o galego, algo que parece manterse aínda na Costa da Morte. «Aínda que segue habendo carencias lingüísticas con todo o que ten que ver cos produtos de lecer e as novas tecnoloxías, se o comparamos co resto do país, o galego é a lingua maioritaria entre os mozos e as mozas da zona», apunta Nel Vidal, normalizador lingüístico do Concello de Carballo.

Concha Blanco, profesora xubilada en Cee e unha das primeiras autoras de materiais didácticos para o ensino en galego, amósase optimista e cre que, agora, o valor da lingua é máis alto entre a mocidade: «Como docente percibo un cambio substancial. A pesar de que aínda estamos a anos luz de que se fale dun xeito normalizado, entre os rapaces xa non hai ese sentimento de que somos menos por falar galego», di.

Por outro banda, e aínda que vivimos nun enclave privilexiado, segue habendo sentimentos negativos por parte de galegofalantes, e é aquí cando o labor por parte dos pais e das nais cobra un papel moi importante: «Non hai unha autoestima polo propio. Non se ve a lingua como algo que te identifique, e moitos pais cren que o galego non serve para nada. Se non se transmite, morre», apunta Maria José Martínez, profesora de galego no IES de Baio, en Zas. Con ela concorda Julia Ures, responsable do servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteceso e patroa da Fundación Pondal, quen cre que o labor dos pequenos concellos é crucial: «Somos os que máis pelexamos pola lingua».

O público infantil é o principal consumidor de libros en galego

O turismo e a educación son os dous xéneros literarios en lingua galega que máis se demandan nas librarías da comarca. «O que máis se venden son as publicacións en galego sobre temas da Costa da Morte, ou ben novelas que estean ambientadas na zona», apunta María Elena Negreira, da libraría Trasgo de Carballo, quen engade que «sempre hai cousas puntais que se venden, como por exemplo as novelas de Manolo Rivas».

Para Ramón Tasende, de Brañas Verdes, a literatura infantil e xuvenil é a que máis tira polas vendas dentro da súa libraría: «Os contos infantís son os que máis saen porque xa veñen demandados polos colexios. Aínda así, os pais adoitan comprar máis libros para os fillos que para eles».

De cara ao futuro, os libreiros non son optimistas e din que a impresión de libros en galego vai lenta. «As editoriais máis fortes editan menos en galego, só tiran por autores consagrados», di o propietario de Brañas.