«Hai que dar novos modelos de amar»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

SANDRA ALONSO

O sociólogo Jorge García Marín, profesor na UDC; falará hoxe en Carballo sobre «a deconstrución do amor romántico»

14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un machismo regresivo entre as xeracións máis novas, un afianzamento de estruturas heteropatriarcais, estereotipos, neomachismo, concepción da sociedade dende un punto de vista masculino... Hai xa tempo que o sociólogo e profesor na Universidade de Santiago Jorge García Marín (Lugo, 1966), un dos creadores no seu día de Homes Galegos pola Igualdade, vén tratando todas estas cuestións. Dalgún xeito, estarán tamén presentes na charla que ofrecerá esta tarde en Carballo, organizada polo Centro de Información á Muller: ás 19.00 horas, na biblioteca Rego da Balsa. A súa intervención leva por título A deconstrución do amor romántico e será a continuación da performance O amor non sempre triunfa, do grupo de traballo do Seminario Permanente de Novas Masculinidades e Cambio Social do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC, no que García Marín é un dos investigadores e no que teñen en marcha estudos sobre redes sociais e dominación masculina.

-Dun tempo a esta parte vense falando da «deconstrución do amor romántico». ¿Que se entende, antes de nada, por amor romántico?

-É un amor que nace no contexto histórico do século XIX, en contraposición ao amor que había antigamente, un amor máis conveniado, concertado. Non obstante, este amor que en principio nace como aquel no que a xente pode escoller a parella que lle apeteza, e que en principio podería ser unha liberación, conleva unha serie de mitos que son nocivos no que se refire á liberdade dos individuos e, concretamente, máis aínda das mulleres. De aí as críticas dende o feminismo.

-¿Cales serían eses mitos?

-Iso de que o amor todo o pode, o mito da media laranxa, o de que non se pode vivir só e hai que ter sempre alguén na túa vida... Todo iso reconstrúe un tipo de amor que é o que a esta sociedade lle interesa: o amor heterosexual e vencellado a unha concepción patriarcal.

-¿Que mecanismos habería, logo, para a deconstrución dese amor así concebido? ¿A educación?

-Exactamente. Hai que dar novos modelos de amar, do que significa amar, e eses modelos teñen moito máis que ver con relacións máis igualitarias entre homes e mulleres. Nese sentido, pois, non quedarnos só cos modelos de Disney ou Hollywood, entender que hai outras formas.

-¿A que público dirixe sesións coma esta que traerá a Carballo?

-Penso que para todos aqueles que cren en San Valentín sería bo que visen outro modelo. Fundamentalmente, claro, veñen sendo os adolescentes e mozos.

-Ten falado das novas xeracións e dun machismo regresivo nelas. As novas tecnoloxías, o control que exercen sobre a parella a través dos móviles... Un problema serio.

-Si, moi serio, e ademais son moi demandadas ese tipo de sesións polas asociacións de pais e polas ANPA. No problema das novas tecnoloxías deberíase facer moito fincapé. Todo o que son redes sociais, realidades pararelas virtuais... é algo no que se debería focalizar, porque é un mundo bastante descoñecido e que sigue traballando con arquetipos.

-¿Por que segue pasando isto se cada vez hai máis información?

-Todo o que é socialización de xénero comeza dende idades moi temperás. Rapaces de infantil xa teñen claro os modelos desta sociedade. Por iso falamos de que hai que deconstruir moitas cousas para ter unha máis igualitaria.

-¿Cales son os axentes que deberían intervir? ¿A escola, a familia?

-Evidentemente, a familia ten unha función moi importante na socialización primaria. O sistema educativo sería o modelo máis alternativo para conseguir este obxectivo, polo que o traballo que se poida facer dende a escola tamén vai resultar fundamental. Hai tamén medios [de comunicación] que seguen conservando imaxes estereotipadas, pero vai habendo cambios e xornalistas que escriben destas cousas.

-Xa ten dito que desmontar unha sociedade patriarcal non é cousa do día para a noite, mais vendo o que ve, ¿cre que algún día se chagará a esa sociedade igualitaria?

-Creo que é un traballo de moitas xeracións. O traballo do feminismo comeza na Ilustración e as conquistas das mulleres foron sendo graduais. Nese sentido, do mesmo xeito que elas foron acadando dereitos que ata o de entón só pertencían ao universo masculino, como votar, traballar ou estudar, hoxe estamos noutra fase na que hai que ir avanzando nesas conquistas. Tendo en conta, si, que a curto prazo non imos poder ver unha sociedade igualitaria. Terán que pasar unhas cantas xeracións.

-¿Como reaccionan os rapaces cando lles fala, por exemplo, de que controlar como viste a parella non é amor? ¿Acéptano, pénsano?

-Hai quen si e hai tamén os chamados neomachistas, que entran á defensiva dicindo que son tonterías, e que xa está ben de feminismo, que algúns vivimos do conto. Hai de todo, pero en xeral, cando pos as gafas de color lila... Sorprende a acollida en mozos e adultos. A veces os xóvenes, que parecerían máis progresistas, non o son.