«Cheguei a pensar que era incapaz de conseguir a medalla nacional»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Con só 20 anos, Alejandro Felpeto, karateka carballés, leva proclamándose campión galego dende o 2007

12 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alejandro Felpeto Gesto (Carballo, 1997) conta que, dende moi pequeno, sempre estivo ligado ao karate. A súa experiencia neste deporte serviulle a semana pasada para facerse co título de campión galego na categoría de Kata, e co de subcampión na de Kumite en máis de 75 quilos, durante a competición celebrada no municipio coruñés de As Pontes. En total, este mozo carballés leva ás súas costas dezaoito títulos galegos, aos que se suma a súa vitoria que lle dou un bronce nacional no ano 2016. «Sen dúbida, foi o meu mellor momento competindo. A medalla española vai moi cara», di. Con moita dedicación, Alejandro Felpeto tamén saca tempo para estudar. Está en terceiro de Maxisterio Infantil na Universidade de A Coruña (UDC) e, recentemente, comezou a dar clases de karate no club familiar carballés Kárate-do ós máis pequenos.

-Leva dende pequeno practicando este deporte. ¿Como recorda os seus inicios?

-Recordo pouco, pero algo si. Os meus pais son os meus profesores. Os dous practicaron karate en Suíza antes de que eu nacera e, ao volver a Carballo, fundaron o Club Kárate-do, que está xusto no baixo do piso onde vivimos. Entón, con catro anos e medio fun entrando e facendo algunha cousiña ata os cinco, cando xa comecei a adestrar a hora completa.

-Pódese dicir que a súa afección é familiar.

-Si, o primeiro que comezou foi meu pai e, logo, seguímolo miña nai, meu irmán pequeno, que tamén se iniciou aos cinco ou seis anos, e eu.

-Despois de quince anos, ¿que diría que é o que máis lle aporta este deporte?

-Non sei moi ben que dicirche, pero cando boto tres ou catro días sen adestrar por vacacións, parece que me falta algo. Necesito sentir ese momento de desconexión no tatami e centrarme en min mesmo. Libéraste moito mentalmente e, tamén, fisicamente, porque adestras a forza, velocidade, flexibilidade... A motivación que temos á hora de competir a alto nivel é o que te mantén adestrando.

-¿Recorda a súa primeira medalla?

-Lembro que aínda era cinto branco. Foi nun torneo comarcal en Betanzos. Era o meu primeiro campionato e quedei en terceira posición.

-¿Cal foi o momento máis duro ou o cinto que máis lle custou sacar?

-O que me marcou durante anos foi quedar coas ganas de conseguir a medalla nacional. Pasoume ata catro veces. Cheguei a pensar que era incapaz de conseguir algo a esa escala porque sempre se me escapaba. Pero por fin chegou no 2016.

-¿E a mellor ensinanza que o kárate lle due?

-Non che podería resaltar unha soa. O kárate, ao ser unha arte marcial, aporta bastante disciplina e autocontrol. Aprendes a controlarte a ti mesmo e, a nivel humano, a tratar coas persoas.

-Imparte dende fai pouco clases de kárate. ¿Que tal a experiencia?

-Si, hai tres anos que dei clase por vez primeira nun colexio de Carballo e, dende hai dous, estou no club familiar. A experiencia moi ben. Comecei axudándolle a meu pai. Penso que a clave, coma todo na vida, é coller práctica. Cos rapaces estou encantado e moi entretido.

O seu reto: acabar a carreira de Maxisterio e enfocar o seu futuro no kárate

Para Alejandro comeza agora unha intensa tempada no que a competicións se refire. Acaba de chegar da Liga Mundial Serie A celebrada esta fin de semana en Guadalajara, e xa prepara o próximo Campionato Nacional que se celebrará en marzo. Con respecto ao Kárate-do di que este ano notaron un salto positivo.

-A maioría dos fins de semana pásaos metido en campionatos. ¿De onde saca o tempo para os estudos universitarios?

-Foi no Bacharelato cando me dei conta de que me custaba algo compaxinar ambas cousas. Notei o cambio con respecto á ESO. Pero a verdade é que, no tema de estudos, nunca tiven demasiado problema. Sempre fun estudoso e non me custou moito aprobar. Tiña as miñas horas de adestramento e era moi raro que faltara a elas. Nunca prescindín do kárate, aínda que nalgunha ocasión si levei apuntes ou libros de lectura ós campionatos. Son unha persoa que me organizo bastante ben.

-Deportista, estudante, profesor... ¿Cales son os seus plans de futuro?

-Cando teña máis tempo libre, tomareime máis en serio o de ser profesor de kárate. Mentres, o primeiro é acabar a carreira. Iso si, aínda non teño moi claro se tirarei por algo relacionado coa educación física ou se optarei por estudar oposicións.

-Adestra no Kárate-do de Carballo. ¿Como ve ó equipo esta tempada?

-O certo é que este ano notamos un salto moi positivo. Cando tes xente boa, tira do resto, e isto nótase moito. Hai unha mellora xeral no club. Vese calidade nos cativos que comezan así que, polo de agora, bastante ben. Só queda esperar os resultados do ano que aínda está comezando.