O Pondal nacido hai hoxe 183 anos, máis preto dos mozos con Asubío Media

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

A empesa, xeradora de contidos para distintas plataformas e redes sociais, colaborou desinteresadamente coa Fundación Pondal editando un vídeo didáctico agora dispoñible en cinco idiomas

08 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, 8 de febreiro, Eduardo Pondal tería cumprido 183 anos. Naceu no 1835 e tal e como ten dito o seu maior estudoso, Manuel Ferreiro, é un deses autores sempre referenciais, que cómpre seguir achegando ás novas xeracións, a novos públicos. Nesa idea redunda un didáctico vídeo de pouco máis de cinco minutos no que, mediante debuxos e fala, se vai dando conta de quen era o bardo e cal foi a súa importancia. Agora xa dispoñible en cinco idiomas -galego, catalán, castelán, euskera e portugués-, este traballo audiovisual é froito da colaboración desinteresada de Asubío Media, unha empresa con dous anos e medio de traxectoria dedicada a xerar contidos para distintas plataformas e redes sociais. Dende Asubío fala Ramón Pombo, explicando que comezaron en Corme, mais que a base está fixada hoxe en día en Carballo. Celebra el esta colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, para así intentar divulgar a figura do escritor, autor da letra do himno galego, e, en certa medida, para contribuír tamén á difusión da cultura deste país.

«A xuventude infórmase hoxe moito a través dos vídeos. Mais ca lendo ou coa televisión, por exemplo. Usan moito, para aprender, plataformas coma Youtube, como Instagram, etcétera», conta Ramón. De aí proxectos así, estes tipos de vídeos divulgativos nos que xa teñen experiencia. A novidade veu da man de todos os idiomas. A coordinación é traballo de Alba Mato Lema; a ilustración, de Iria González Cabaleiro; o texto orixinal, de Manuel Ferreiro; a locución en catalán, da xornalista Cristina Viu Gomila; en español, de Cristina Grau Castillo; en galego, de Breogán Sousa Rodrigues; en portugués, de Ana Gravata; e en eukera, de Asier Altuna García Salazar, director do departamento de Linguas Modernas da facultade de Deusto. Finalmente, a edición do vídeo é de Olih Conde Crespo.