Novas neves

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

08 feb 2018 . Actualizado a las 13:40 h.

Nunca tanta neve vin como dende que temos o Facebook. Hai tradicións tecnolóxicas que, malia a súa modernidade, xa me empezan a poñer morriñento. Sempre pensei que falaría delas en futuro ou, polo menos, en presente, pero debo de ter moitos anos que xa me sae o pasado.

Unha delas é cando chega o tempo da neve. Ou das neves. Cando chega a Suíza, naturalmente. Como media comarca está emigrada alí e máis en Liechtenstein, e moitos deles están agregados na Rede, e se non o están forman parte de grupos aos que pertencemos todos, cando caen as primeiras folerpas son as fotos que antes se soben e todos vemos como vai a cousa por Meyrin, ou por Carouge, ou por Delémont, ou Vaduz...

Algúns perfís da súa altura xa os podo comparar con anos anteriores, de aí a nostalxia. Espero pola súa neve como agardo polas matrículas dos seus coches cando veñen de vacacións. Ou polas mimosas a finais de xaneiro, as primeiras flores abertas no xardín de Carballo a finais de febreiro... Son as benditas e sinxelas rutinas ás que nos imos adaptando e atando, como maneira de ver que o tempo pasa pero todo é sempre igual, agás nós, os olladores. Miramos pola ventá da casa ou do traballo, pola ventanilla do coche, pero tamén pola pantalla do móbil que nos abre un mundo que nunca imaxinamos ter. Ata agora os outros recordos só eran os clásicos. Coa neve, no meu caso, a que caeu no 86. Sería que as estradas eran máis estreitas, porque pasaba dun metro nalgunhas zonas. Nunca tal cousa vira. O máis raro é que non me parecera fría. Será que os anos tamén a amornecen.