Culturalina, a pílula carballesa para o inverno

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Teatro, música, funcións infantís e exposicións integran o programa dos «Venres Culturais»

08 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tardes de inverno morriñentas, desas que fai frío fóra e desas nas que pouco máis apetece ca estar na casa. Carballo deu coa solución para chamar ao ánimo, para convidar a saír á rúa e a refuxiarse en espazos cubertos e quentes. A pílula que inventou o departamento de Cultura, no fondo, e o deseñador Juan Gende, na forma, chámase Culturalina, ou o que vén sendo o mesmo, unha serie de propostas para públicos diversos aglutinadas no programa dos Venres Culturais, dado a coñecer onte: «Cultura para combater o inverno e o tempo frío», incidiu o edil Marcos Trigo. A programación deste ano será algo máis curta do habitual, polas obras en marcha no auditorio do Pazo da Cultura para reparar os danos causados polas inundacións de marzo do 2016. Agora os traballos están a piques de rematar e do venres 23 en adiante acollerá o escenario teatro, música ou espectáculos infantís.

As funcións concentraranse nos venres, para público adulto, e nos domingos, para público familiar. Trigo fixo fincapé no carácter estable desta programación: no pasado 2017 conseguiu reunir en Carballo a 2.700 espectadores. Variedade e calidade pois, que teñen como fin consolidar Carballo como «punto de encontro e referente comarcal en cultura». O traballo de organización correspóndelle á area de Cultura, se ben a maioría dos espectáculos chegan a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dependente do Agadic, organismo que tamén colabora coa cultura nesta vila ao longo do ano, en ciclos como Primavera en Danza.

Jacobo Sutil, director do Agadic (Xunta), tamén quixo estar presente onte en Carballo. É para el «un pracer», contou, poder participar e dar visibilidade «ao gran traballo cultural que se fai neste concello». Apelou á súa «visión macro» sobre o que se fai no resto da comunidade para afirmar que, «sen ningunha dúbida, Carballo é un referente a nivel cultural en Galicia». No conxunto galego, da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios, serán 346 as funcións deste primeiro semestre, en 37 concellos, con 106 compañías participantes (a maioría galegas) e unha inversión entre Xunta e consistorios de 863.000 euros. Sobre o programa carballés, non quixo Sutil deixar de destacar a calidade e a variedade de público, a importancia de seguir creando afección ao teatro con propostas como a de Elisa e Marcela. A Panadaría está dando moito que falar e a historia destas dúas mulleres tamén. Mesmo Isabel Coixet, Goya 2018, anunciou que a levará ao cine.

Evencio Ferrero, alcalde, convidou a tomar Culturalina, manifestando que a cultura ha de ser trasladada á sociedade. É saúde para ser esta máis «viva, dinámica e crítica». Só queda agora agardar polos Venres. Así será o programa: 

Teatro

«Elisa e Marcela»: A Panadaría: Venres 23, 21.00 horas, Pazo da Cultura

A historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que casaron no 1901 en A Coruña, é levada ao teatro pola compañía A Panadaría, que xa ten gañado o Premio da Crítica Galicia. Elisa houbo de converterse en Mario e ambas foron o primeiro matrimonio lésbico en España. Viviron parte do seu amor nesta comarca. Para maiores de 12 anos. Entrada: 3 euros (2,5 a reducida).

«Helena: xuízo a unha lurpia»: Venres 9 de marzo, 21.00 horas, Pazo

Cun texto do prestixioso dramaturgo Miguel del Arco, Teatro do Atlántico pon en escena esta obra interpretada por María Barcala. Fala Helena de Troia, dende unha voz presente, da dignidade, da xustiza ou da igualdade. Denuncia tamén a violencia de xénero e o abuso de poder. Para público adulto. Entrada: 3 euros (2,5 reducida).

«Casa O’Rei»: Ibuprofeno Teatro: Venres 22 de marzo, 21.00 horas, Pazo

«Casa O’Rei» vén a completar a triloxía gastronómica da compañía Ibuprofeno, logo de «O furancho» e «Raclette». Manolo reúne a súa familia nun cocido. É unha escusa para repartir a casa entre as tres fillas, entre unha familia que sae traizoeira. Entre o elenco, o cormelán Víctor Mosqueira. Entrada: 5 euros (prezo reducido: 3,5).

Música

RockCarballo: Venres 2 de marzo, 21.00 horas, Pazo

As bandas carballesas de rock teñen unha cita xa afianzada. Música en vivo de agrupacións que van creando ao longo do ano: Amenaza de Muerte, Strobos, Sonseis+ e Versión Imposible compoñen o cartel deste RockCarballo 2018. Cita para todos os públicos e de acceso libre e gratuíto ata que se encha aforo.

De Vacas: Venres 16 de marzo, 21.00, Pazo

A orixinal formación musical xa ten actuado en Carballo, ao aire libre, mais chégalle a quenda de facelo en auditorio. Un cuarteto con versións de temas venerados. Voces e risas neste Tour Bacanal 2018. Espectáculo para público adulto. Entrada: 5 euros (3,5 reducida).

Ana Garcia

Funcións en familia

Pitusa Semifusa: Domingo 25 de febreiro, 18.00, Pazo

Pop, folk, hip-hop, funky, blues, swing, reggae e rock son os estilos musicais que os asistentes a este espectáculo da banda Pitusa Semifusa poderán aprender na tarde do domingo 25 de febreiro. Leva por título «Pitusa Semifusa e os estilos musicais». Dinamismo, diversión e participación, para cantar e bailar, avanzan. Para público a partir de tres anos. Entrada: 3 euros (2,5 con custe reducido).

«A galiña azul»: Tanxarina: Domingo 11 de marzo, 18.00, Pazo

Tanxarina Teatro é unha das compañías de monicreques máis importantes de Galicia. O famoso texto de Carlos Casares cobra vida nesta obra, dirixida e adaptada polo gran Cándido Pazó, pensada para gozar de xeito familiar. Entrada: 3 euros (2,5 no caso de ser reducida).

«Danza da choiva»: Domingo 18 de marzo, 18.00, Pazo

Teatro xestual, danza, manipulación de obxectos e monicreques conviven nesta obra da compañía Elefante Elegante. Danza da choiva acadou no 2017 o Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil. ¿Que acontecería se, de súpeto, deixase de chover? Para público a partir de 3 anos. Entrada: 3 euros (2,5 reducida).

E ademais...

JOSE MANUEL CASAL

Certame Xosé Manuel Eirís

Ata o 3 de abril está aberto o prazo de presentación de obras para a 20.ª edición do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís. Hai 3.000 euros en premios e o tema é libre: branco en negro ou cor. Galardón especial para obra de temática carballesa. As bases saíron onte no BOP.

Exposicións

«Áspero», de Aula K

Dende hoxe ata o 11 de febreiro. Mostra fotográfico do colectivo Aula K, con sede na Coruña e máis de 20 anos de traxectoria. Son máis de 30 imaxes que poden verse entre as 17.00 e as 21.00.

Certamen Artesanía Antonio Fraguas

Do 16 ao 27 de marzo. Mostra de obras seleccionadas neste certame provincial.

Entradas

Venda, reservas e descontos

As entradas para os espectáculos poden mercarse no despacho de billetes do Pazo da Cultura, unha hora e media antes do inicio de actuación. En caso de ser precisa reserva, faríase no 981 704 300, ou no propio Pazo, habitualmente dende quince días antes das funcións. Máximo de catro entradas por persoa. Os colectivos aos que se lle poidan facer descontos deberán acreditalo: estudantes con carné, maiores de 60 e menores de 12 anos.

Bonos

Catro espectáculos

Bono de 13 euros para as funcións dos días 23 de febreiro, 9, 13 e 22 de marzo. Bono especial con prezo reducido: 10 euros. Os bonos xa se poden mercar, dende onte, nas oficinas da concellería de Cultura, situadas no propio Pazo. Horario para a súa adquisición: de 11.00 a 14.00 horas.