A campaña lingüística #qrtm8 implica tamén ao comercio carballés

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Inclúe un concurso en Instagram para a mocidade, pero é unha proposta máis ampla, para o empresariado

05 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 14 de febreiro • Entre a Candeloria, o pasado día 2, e o día dos Namorados, o 14 de febreiro, estará en marcha en Carballo a campaña #qrtm8 (forma acurtada en galego de Quérote Moito nas redes sociais), iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística deste municipio. Un dos eixos da proposta é un concurso a través de Instagram para a mocidade, pero vén de coñecerse tamén a implicación do comercio local. Do que se trata é de compartir o amor en galego e, dado que unha forma de expresalo tamén poden ser os agasallos, o que se fixo foi involucrar a medio cento de establecementos que visibilizan tanto no interior como nos escaparates o lema #qrtm8 a través de paneis, soportes e adhesivos para o empaquetado. Entre estes comercios hai xoierías, tendas de roupa e calzado, librarías, lencerías ou tendas de licores e alimentación. #qrtm8 é outro dos exemplos da interrelación entre o mundo da cultura e o do comercio, como se vén dando xa dende hai tempo con propostas do tipo de #Semechadescóntovos.

Nos centros escolares

Alumnos e alumnas a partir de terceiro da ESO xa recibiron nos seus centros educativos, en Carballo, o material informativo preciso para participar no concurso, que non pide outra cousa ca subir unha foto en Carballo a Instagram acompañándoa dunha frase suxestiva en galego e das etiquetas #qrtm8 e #Carballo. Cómpre, tamén, facer constar ao usuario @TurismoCarballo. Pode ser unha imaxe que reflicta amor á parella, á familia, aos amigos, á paisaxe, a Carballo ou á propia lingua. As dúas mellores publicacións levarán os últimos discos de Ses, MJ Pérez e Chicharrón, ademais dunha torre de son.