Carballo convida aos mozos a compartir o amor en galego, e en Instagram
CARBALLO MUNICIPIO
O Servizo de Normalización impulsa a iniciativa #qrtm8 neste mes da Candeloria
02 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Di o refrán que, a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa. Por iso este día, que se celebra xustamente hoxe, foi o escollido polo Servizo de Normalización Lingüística de Carballo para botar a andar unha iniciativa que pretende animar aos mozos e mozas a visibilizar o seu amor en lingua galega e a través das redes sociais. En concreto, a través de Instagram. Febreiro é tamén o mes de San Valentín, mais este amor do que se fala non ten por que ser só á parella, senón tamén a un familiar, a unha amizade, á terra, ao deporte, á música, a Carballo ou á propia lingua.
¿En que consiste todo? Chega con facer unha foto que exprese este amor e con subila a Instagram acompañada dunha frase en galego «expresiva, orixinal e suxestiva do que queres expresar», usando as etiquetas #qrtm8 e #Carballo e etiquetando tamén no post ao perfil de usuario @TurismoCarballo.
Para maiores de 14 anos
As normas de Instagram obrigan a que se teña máis de 14 anos para subir imaxes, polo que esta iniciativa -ademais de ao público interesado- está sobre todo dirixida a alumnado de terceiro e cuarto de ESO, así como de primeiro e segundo de bacharelato dos instiutos Alfredo Brañas, Parga Pondal e Monte Neme. Tamén, aos estudantes de terceiro e cuarto de secundaria do colexio Artai. Está previsto, hoxe, o reparto de material entre os rapaces, pero atoparano a modo de sorpresa. Qrtm8, para quen non estea afeito á linguaxe abreviada, vén significando «Quérote moito».
Posibilidade de premio
Participar neste xogo de amor e lingua pode ter premio, informan dende a organización. Todas as persoas que participen poderán recoller na biblioteca Rego da Balsa un caderno coa imaxe do mural I missed you, de Natalia Rak. É o situado na rúa Vila de Negreira, o do bico. Ademais, a foto que acade máis gústames ata o 15 de febreiro ás 11.00 horas, e tamén aquela que a organización considere máis destacada, levarán os últimos discos de Ses, MJ Pérez e Chicharrón, así como unha torre de son para escoitalos.