«É mellor un centro de saúde que repartilo entre dous»

f. r. / s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Considera que as instalacións de Carballo están ben, pero non descarta que se poida ampliar

27 ene 2018 . Actualizado a las 12:04 h.

O portavoz do PP carballés e deputado Aurelio Núñez Centeno (1958) falou onte en Radio Voz sobre a situación sanitaria e as recentes críticas do BNG.

-A Xunta daba luz verde a varios centros de saúde, entre eles un na Laracha, pero ao de Carballo non lle vai tocar de momento.

-No Consello da Xunta desta semana avanzouse un plan a catro anos para a construción de 18 centros de saúde e ampliación de dous máis. Hai que entendelo fóra de localismos. O Goberno é o da Xunta, e os deputados somos electos pola provincia, aínda que eu represente a toda a comarca de Bergantiños e toda a Costa da Morte. Dá a sensación ás veces de que o BNG non ten moito en conta Bergantiños porque nin sequera coloca ningunha persoa nas listas con posibilidades de saír. Parte deses centros xa estaban previstos, como o da Laracha, e enmárcanse nas necesidades de toda Galicia. Carballo ten un centro de saúde amplo, relativamente recente, con ampliacións sucesivas e melloras, e cabe a posibilidade de ter que ampliar. A miña opinión dende sempre, dende antes da política, é que é un centro apto, que está ben, e que é mellor un que repartilo en dous, concellos que teñen a atención primaria repartida en centros, habitualmente están peor atendidos ca os que o teñen nun. Así que cabe a posibilidade de nalgunha zona determinada facer unha ampliación, como mellorar as especialidades, e iso sería máis importante ca facer un segundo e repartir a atención primaria entre dous., É unha opinión miña. En plena crise, dende o ano 2009, fixéronse máis de 60 en Galicia, entre novos e reformados, e nestes catro anos van ir vinte. Non entra Carballo agora porque probablemente hai concellos con máis necesidades, e Carballo podería ter solución cun investimento menor.

-¿E como ve vostede o estado do centro carballés? Fálase moito das especialidades, por exemplo.

-Cabe a posibilidade de melloralas. No Parlamento debaterase axiña a Lei de Saúde de Galicia, que nós pensamos que favorece aos veciños, e trata de achegar a atención sanitaria ao enfermo. Temos un problema moi grave de persoal médico que ás veces a oposición obvia. En Carballo había un problema serio coa pediatría. Eu acompañei ás nais que mo pediron á Coruña. Pero o PP dedícase a traballar a non a face publicidade. E ese problema solventouse coa incorporación dunha profesional a tempo completo que estaba a media xornada. E está completo: hai catro médicos para un número de nenos axeitado. Problema: cunha baixa ou días libres, non hai lista de paro para cubrir esa baixa. Facer demagoxia coa sanidade é moi fácil. Ese problema haino en moitísimas especialidades.

«Nestes momentos non hai paro, e un pediatra pode escoller a onde vai»

 

 

Un dos problemas da falta de médicos é que non veñen para esta comarca.

-¿Qué se pode facer para atraelos?

-Neste momento, non hai paro. Un pediatra pode escoller a onde vai. O sistema MIR esixe 5 anos nun hospital e saír con técnicas aprendidas e experiencia. Están magnificamente formados, por iso os queren fóra. Algún ano de déficit houbo que traer médicos de fóra, e agora seguramente haxa que volver a facelo, por falta de especialistas. Houbo problemas nalgunhas comunidade autónomas. Hai que tomar unha solución global, de reorganización. E necesitaremos un incremento da atención domiciliaria.

-¿E estase traballando para poder atender todo isto? É un problema moi serio.

-Si o é. Hai reunións de traballo entre consellería, asociacións de pediatras, colexios... para ver como se ordena atención pediátrica en Galicia. Só hai seis países en Europa, entre eles España, teñen pediatría na atención primaria. Nos outros países faise co médico de familia.