Carballo: «Non se pode, non se debe pensar e actuar en clave electoral»
O alcalde considera frustrante a demora da Escola de Hostalaría, pero mantense firme na idea de proxecto
carballo / la voz
O alcalde de Carballo defende o rigor e o diálogo como regras de actuación que levou ao pobo a este «proceso de transformación».
-Este é ano preelectoral. ¿Haberá maior volume de contratación de obra?
-Dende unha administración non se pode, non se debe de pensar e actuar en clave electoral. É dicir, os cidadáns teñen que percibir o compromiso coa mellora diaria, ese compromiso de facer de Carballo un bo lugar para vivir ten que ser permanente, independentemente de en que ano coincida. O 2018 será un ano máis. Efectivamente vai haber moitas obras, moitas melloras, pero tamén é pola capacidade de inversión do Concello. Creo que nese aspecto si se vai percibir, pero non porque o ano próximo vaia haber unha confrontación electoral.
-¿Non resultan frustrantes os continuos atrancos da Escola de Hostalaría?
-Por suposto. A Administración é tan lenta, tan garantista que fai que a engranaxe sexa paquidérmica, lenta. Teño comparado a Administración cun gran navío en alta mar que ten que facer varias millas para dar a volta. Neste caso sucede igual. Esa garantía permite que calquera poda presentar alegacións, reclamacións. Nós o que queremos é que sexa un centro de excelencia, non se trata de facer unha formación regrada ou unha formación apersonal, senón que temos a intención, vendo as instalacións das que dispoñemos, que haxa un verdadeiro salto de calidade. Realmente pensamos que é un sector que merece investimento porque para que saian bos profesionais a formación ten que ser dirixida e impartida polos mellores docentes posibles. Esa era a nosa pretensión, que logo as circunstancias levaron a que o procedemento aínda non estea en funcionamento. Agora mesmo hai dous licitadores. A idea é que sexamos quen de que esa formación sexa o que dixemos, de excelencia, porque senón non vale a pena.
-Carballo ten un problema co seu cinto marxinal. ¿Que solucións propón?
-No seu momento, no 2006-07, houbo pontes de integración e incorporación ao mundo laboral, pero logo a crise rompeu moitas pontes. Teñen que vir por aí. Tiña que haber moita máis implicación. Se antes falabamos dun plan estratéxico do Concello e outras administracións para o eixo económico tamén tiña haber un plan para unha estratexia social. Aquí temos unhas circunstancias que merecerían ese plantexamento, unha estratexia social en colaboración coa Xunta e coa propia Deputación para seguir avanzando.
Comentarios