«Haberá bonificacións de ICIO, IBI e IAE»

O rexedor Evencio Ferrero anuncia medidas próximas para fomentar a implantación de empresas en Carballo


carballo / La Voz

Leva xa avanzado o seu cuarto mandato de alcalde e véselle tranquilo ao temón do Concello de Carballo. Evencio Ferrero Rodríguez (1955) afronta o 2018 con catro tarefas prioritarias: fortalecer o eixo industrial e social, buscar o equilibrio territorial e manter o diálogo. Nalgúns campos haberá medidas pronto, sobre todo en materia impositiva.

-¿Cales son os retos deste ano?

-Carballo está nunha situación económica moi saneada. Creo que estamos nunha moi boa posición en calquera dos indicadores: tesourería, pago a provedores, liquidez, capacidade inversora... Iso é algo que se percibe por parte da cidadanía. Como o polígono de Carballo está tendo un desenvolvemento moi grande o que teremos que facer no 2018 é seguir potenciando a implantación industrial en Carballo. Así que para este pleno de xaneiro imos levar novas medidas de bonificación de impostos para o empresariado que amplíe ou se veña instalar en Carballo. O ICIO, o imposto de construción, xa está bonificado ata o 95 % e tamén queremos ampliar estas bonificacións ao imposto de bens inmobles para empresas que creen emprego e máis o imposto de actividades económicas, tamén para compañías que creen emprego. En calquera dos tres casos, ICIO, IBI e IAE, serían bonificacións de ata o 95 %, que é o máximo que estaría permitido por lei.

-A ampliación do parque faise prioritaria. ¿Que estratexia pensa levar a cabo?

-O eixo industrial Arteixo, A Laracha e Carballo ten que ser estratéxico non só para os respectivos concellos, que tamén, senón tamén para a propia Administración autonómica. O porto exterior será unha realidade inmediata e como consecuencia desta infraestrutura e do dinamismo empresarial fará que todos nos propoñamos como un obxectivo esa necesidade de ampliación do polígono. Carballo ten a experiencia, hai xa uns anos, de que había compañías que se querían implantar no noso municipio e que por falta de solo industrial non se puideron implantar aquí. Iso non debería pasar nunca. A Administración autonómica xa é coñecedora da realidade do polígono de Bértoa nestes momentos e, polo tanto, deberían de seguir adoptando as medidas necesarias para que esa oferta de solo industrial se manteña no tempo e se amplíe, precisamente, vendo a gran resposta que está tendo. E non só o polígono. Tamén é moi bo para Carballo a aposta de Conservas Calvo cunha ampliación importante. Todo isto evidentemente creará emprego, que ten que ser unha preocupación permanente e eu espero que sexa non só do goberno municipal de Carballo senón tamén da propia Xunta.

-¿Non sería axeitado un plan estratéxico con consenso amplo?

-Nós no seu momento lanzamos a idea do Pacto de Vilardefrancos para favorecer a implantación de industrias, as bonificacións van por aí. O plan estratéxico non está formalizado, pero si subscribo esa necesidade de estar moito máis de acordo a totalidade da corporación e a totalidade da estrutura empresarial que existe, sexa Axober, a comunidade de propietarios do polígono ou sexa o empresariado con capacidade para liderar, dinamización económica e crear emprego.

«Os consellos parroquiais non son órganos nos que se debata unha mala veciñanza»

O equilibrio territorial é outro dos retos marcados polo mandatario. «O Concello está facendo un gran esforzo inversor no conxunto do termo municipal, pero, sobre todo nas parroquias. Se se avalían os investimentos vese como nos últimos anos a capacidade inversora está máis focalizada no conxunto das parroquias ca no propio casco urbano, que xa chegou aos 20.000 habitantes. En poboación xa supera o 60 % do conxunto do municipio. Este equilibrio leva a que sigamos investindo na mellora viaria, pero tamén no abastecemento de auga, que será o gasto máis elevado que fixo nunca o Concello sen contar con axudas doutras administracións, 1,7 millóns para abastecemento a Oza e a Razo.

-Creáronse os consellos parroquiais. ¿As súas reunións non son un pouco como cartas aos Reis Magos?

-Funcionan de forma desigual. Hai consellos que entenden a perfección cales serían os obxectivos dos consellos e tamén se interpretan como un órgano de reflexión, de planificación, de deseño do futuro, pero tamén hai outros que queren entrar na casuística particular no conflito entre veciños e os consellos non poden ser órganos onde se debata unha mala veciñanza entre dous particulares, senón que teñen que ser órganos nos que a xente propoña as súas expectativas de mellora e despois secuenciar esas expectativas. Cartas aos Reis Magos, pero os Reis non poden traer todo o que se pida, senón que ten que haber prioridades. Nalgúns deles os propios veciños foron quen de priorizar vistas as demandas. Nese aspecto é un exercicio democrático. Logo hai algúns que falan de orzamentos participativos, en Carballo hai moitas partidas en contías elevadísimas que son consecuencia desa participación veciñal. O centro social de Bértoa, por exemplo, cun investimento de 390.000 euros, foi unha petición dun consello parroquial onde os propios veciños decidiron a ubicación, democraticamente.

-¿Non será un erro esa ubicación?

-Foi decidida por eles, dende o punto de vista técnico non se considera un erro. Nos polígonos tamén ten que haber solo de equipamento, que pode ser para locais sociais para que a parroquia na que está o polígono poida ter a súa propia actividade ou podería ser para unha escola infantil para o persoal que traballa nese entorno ou para calquera outra infraestrutura. En calquera caso foi unha decisión tomada democraticamente.

«Non se pode, non se debe pensar e actuar en clave electoral»

O alcalde de Carballo defende o rigor e o diálogo como regras de actuación que levou ao pobo a este «proceso de transformación».

-Este é ano preelectoral. ¿Haberá maior volume de contratación de obra?

-Dende unha administración non se pode, non se debe de pensar e actuar en clave electoral. É dicir, os cidadáns teñen que percibir o compromiso coa mellora diaria, ese compromiso de facer de Carballo un bo lugar para vivir ten que ser permanente, independentemente de en que ano coincida. O 2018 será un ano máis. Efectivamente vai haber moitas obras, moitas melloras, pero tamén é pola capacidade de inversión do Concello. Creo que nese aspecto si se vai percibir, pero non porque o ano próximo vaia haber unha confrontación electoral.

-¿Non resultan frustrantes os continuos atrancos da Escola de Hostalaría?

-Por suposto. A Administración é tan lenta, tan garantista que fai que a engranaxe sexa paquidérmica, lenta. Teño comparado a Administración cun gran navío en alta mar que ten que facer varias millas para dar a volta. Neste caso sucede igual. Esa garantía permite que calquera poda presentar alegacións, reclamacións. Nós o que queremos é que sexa un centro de excelencia, non se trata de facer unha formación regrada ou unha formación apersonal, senón que temos a intención, vendo as instalacións das que dispoñemos, que haxa un verdadeiro salto de calidade. Realmente pensamos que é un sector que merece investimento porque para que saian bos profesionais a formación ten que ser dirixida e impartida polos mellores docentes posibles. Esa era a nosa pretensión, que logo as circunstancias levaron a que o procedemento aínda non estea en funcionamento. Agora mesmo hai dous licitadores. A idea é que sexamos quen de que esa formación sexa o que dixemos, de excelencia, porque senón non vale a pena.

-Carballo ten un problema co seu cinto marxinal. ¿Que solucións propón?

-No seu momento, no 2006-07, houbo pontes de integración e incorporación ao mundo laboral, pero logo a crise rompeu moitas pontes. Teñen que vir por aí. Tiña que haber moita máis implicación. Se antes falabamos dun plan estratéxico do Concello e outras administracións para o eixo económico tamén tiña haber un plan para unha estratexia social. Aquí temos unhas circunstancias que merecerían ese plantexamento, unha estratexia social en colaboración coa Xunta e coa propia Deputación para seguir avanzando.

«A estrada de Carballo a Santiago é un anacronismo»

O alcalde de Carballo mantén ao longo do tempo unha vella aspiración: que o seu concello teña unha vía de comunicación autonómica para acceder a Santiago. «Nunha sociedade como a actual, por herdanzas decimonónicas, non é normal que a capital de Bergantiños se comunique coa capital de Galicia por unha vía da Deputación. É un anacronismo, cando hai entidades moi menores que se comunican entre elas por vías da Xunta», sostén o rexedor bergantiñán, que engade que «quen ten a capacidade inversora e a capacidade de deseñar o conxunto do territorio é a Xunta»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Haberá bonificacións de ICIO, IBI e IAE»