Creatividade e talento comarcal no primeiro trimestre do Colón

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

Sés, Talía, Galeatro ou Rosalía Fernández subirán ao escenario do teatro coruñés

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«A cultura é un dereito». Esta afirmación de Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, servirá como guía da programación deste primeiro trimestre no Teatro Colón da Coruña, presentada xustamente onte. Unha oferta diversa, social, na busca de novos públicos e con prezos populares na que a creatividade e o talento da comarca estarán ben representados.

Música e teatro continuarán sendo o eixo da programación. Pola primeira banda vén podería considerarse carballesa María Xosé Silvar, Sés, téndose definido ela moitas veces, ademais de como cantareira, como bergantiñá. Ofrecerá concertos os días 24 e 25 de febreiro. No caso da dramaturxia, Talía Teatro, compañía ligada a Cee e á Costa da Morte dende os seus inicios, representará no Colón a obra Ubú Rei: será axiña, o venres 19 de xaneiro.

As Matinais dos domingos, propostas para público familiar, xa se teñen consolidado, e é nese ciclo onde actuará a compañía Galeatro, a primeira compañía de teatro profesional de Carballo. Muiñada foi a obra que estrearon no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, co apoio do propio FIOT, e que sobre o escenario interpretan Alba Bermúdez e Tone Martínez. Quen nos os puidera ter visto en Bergantiños volverá contar cunha oportunidade o domingo día 28 de xaneiro.

Sanmartín fixo especial fincapé en dúas citas de produción propia que terá ás mulleres como protagonistas. Na primeira delas, o 23 de febreiro e para conmemorar o nacemento da escritora Rosalía de Castro, estará presente a carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial.

Xosé Aldea, coordinador do Teatro Colón, destacou a conversión deste espazo nunha referencia. Case 40.000 espectadores participaron na programación do pasado semestre, con 81 espectáculos.