Seca

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre houbo veráns e outonos moi secos. A ver, sempre... Cando xa pasas de 45 anos, o concepto sempre pode significar dúas ou tres veces igual ou peor na túa vida. Pero temos moi mala memoria climática. Igual que cando hai cheas fortes nos parece que é a primeira así. Eu lembro algunha que foi o dobre das máis grandes que vemos nos últimos anos. E iso antes que antes limpábanse os herbais case con cepillo de dentes, as beiras dos ríos derregábanse as leiras ao chegar outono. Non digo que o cambio climático non teña algo que ver, pero en serio que ten habido moito para un lado e para o outro. O que non había era a forma de ser e estar de hoxe. Comentábanme que en Carballo nunca tal se vira en 30 anos. O que non se viu é chamar para levar cisternas, pero carencias ten habido ben delas. Lembro un verán no que durante case un mes tiñamos que levar ás vacas ao río dúas veces ao día para que beberan. Chamar a uns homes para que se meteran no pozo (¡dous!) e lle buscaran máis fondo. Aquilo si que daba para un conto. Veña caldeiros á fonte para encher os baldes e as bañeiras. Non había traídas, nin consumos industriais, pero faltaba igual. Cando cambiaba o tempo, nalgunha fonte a auga saía cun chorro pequeno e intenso e xa sabiamos que o mar remataba. ¿Que neno ve hoxe como nace a auga nas fontes? E púñase a chover e xa nos esqueciamos de todo.

Ha de chover de novo, e falta fai. E seguro que nos aburriremos de novo da auga e rezaremos para que pare, como xa fixemos hai dous invernos. E así unha e outra vez. A natureza ten os seus ciclos e non coinciden cos das nosas necesidades.