Un derbi para gozalo, o Bergantiños-Laracha

Manuel V. Bardanca, Toni Longueira

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL FERREIRO

Manuel V. Bardanca escribe das súas impresións deste partido de hoxe. Así falan, por outra banda, os entrenadores dos partidos

03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Laracha vén a Carballo. Obxectivamente, un partido onde a escuadra local é clara favorita. Con case media liga disputada, mentres o Bergantiños se confirma como candidato a ser unha vez máis campión da Terceira, o Laracha parece destinado sufrir. Acudindo ós estados de ánimo, refórzase a idea dun Bergan favorito. Hai cinco xornadas que non perde e hai catro que os veciños da Laracha non gañan. Catro vitorias por goleada e un tropezo en forma de empate e catro derrotas consecutivas, respectivamente.

Con estas premisas parece que Miguel Figueira ordenará tomar o control do xogo a través da iniciativa e da posesión de balón con amplitude e velocidade e con especial coidado ás vixilancias ofensivas que frustren as tentativas de contraataque rival, coñecedor de que a mellor garantía de éxito será abrir a lata. Chollas indicará que se minore o partido, reducir os espazos con repregues e gañar as segundas xogadas, coa intención de atacar sen temeridades que lle puideran poñer o marcador en contra e o partido moi, moi costa arriba.

Pero deixémonos de tácticas e adestradores. Como o fútbol é o deporte colectivo de maior incerteza, onde moitas veces David gaña a Goliat (en primeira case nunca xa...) pode ocorrer que o Bergan se atasque nun campo de rápida superficie, pero con tan só 63 metros de ancho, que dificultan as combinacións ofensivas, e onde pode caer auga (por fin) e soplar forte o vento. E neste escenario é posible que o Laracha se adiante en calquera desas xogadas escasas e certeiras, das que levan mala intención e fan moito moito dano.

E entón comezaría outro partido que seguro sería máis incerto e divertido para os espectadores. Nestas, independentemente do desenlace final, os presidentes Chano e Canito e os afeccionados que pasaron horas de domingos nas Eiroas e no municipal da Laracha lembraríanlle ós non iniciados que o Laracha e o Bergan son grandes clubs que intercambiaron xogadores e adestradores a miúdo. Non hai tanto Rubén Rivera era o dianteiro do Laracha pelexando polo ascenso xunto con Iago Iglesias, Iván Pérez...; Anxeriz e Miguel Taibo militaron no Bergantiños con obxectivos opostos ós actuais; José Luis Vara e José Antonio Cambón adestraron ós dous clubs; Quico veu do Laracha para ser dos mellores centrais que tivo o Bergantiños. E tamén que os dous clubs deron grandes xogadores como os exdeportivistas Carlos e Lito...

Así que, non sei se cualificalo de derbi comarcal, de partido de rivalidade local ou que, pero é un partido que merece que subamos ás Eiroas para gozalo.