Coiro en Carballo

MÓNICA CAMAÑO

CARBALLO MUNICIPIO

SANDRA ALONSO

«(...) Éme difícil non unir Carballo e Coiro, pois sempre pasa coma un lóstrego a idea poética de que aquí, nas Terras de Bergantiños, a miña nai foi feliz na semana que botou no Balneario. Si, era a primeira vez que ía ás augas e a segunda ocasión en toda a súa vida que saía días de viaxe (...)»

03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando polos calores de xullo me foi comunicado o premio de Carballo estando eu en Coiro (na casa na que naceu miña nai, en Cangas), só sentía un lume de rubor en forma de risa desbordada. Pasaron uns meses, e foise o rubor e a risa, pero non os lumes... O tempo tróuxome reflexión: porque a nosa vida de traballadoras-creadoras precarias non sempre nos deixa folgo para analizarnos e ver o proceso da nosa carreira. Por iso debo dar grazas ao FIOT, porque me caeu coma unha chuviña maina e gorentosa.

Éme difícil non unir Carballo e Coiro, pois sempre pasa coma un lóstrego a idea poética de que aquí, nas Terras de Bergantiños, a miña nai foi feliz na semana que botou no Balneario. Si, era a primeira vez que ía ás augas e a segunda ocasión en toda a súa vida que saía días de viaxe. Recente como está o 25 de novembro, Día Internacional da non violencia contra a muller, non podo deixar de pensar na violencia que arrodeou ás nenas da guerra e da posguerra nesas vidas frustradas, silenciadas nunha educación castradora, e moitas delas non estimuladas pola familia, polas persoas do entorno ou polas súas parellas tempo despois. Ela, miña nai, resumiuno nos días de hospital cun «que mala sorte tiven»; pero a vida non pode ser cuestión de sorte. En Carballo posiblemente foron os seus últimos días felices, disto hai xa 18 anos...

Cando nena, co Grupo de Mimo Ancoradouro, coñecín Galicia actuando en aldeas, vilas e cidades, pero aínda agora teño que delatar a miña conta pendente de non coñecer máis a fondo a riqueza da Costa da Morte. Carballo, Coristanco, Berdoias, Cee... ao comezo foron para min lugares das amizades de estudos. Andando camiño, Cee converteuse na Mostra de teatro en agosto erguida pola man das xentes de Talía, o Anllóns e «os feros corvos de Xallas» de Pondal ficaron para sempre xunguidos ás aulas de dicción de Manuel Lourenzo nos obradoiros da Aula de Teatro. E de seguido, Carballo pasou a ser a terra das complicidades teatrais, porque se converteu nese lugar que visitas dúas ou tres veces no ano para vir actuar, ou ver actuar.

E teño que volver dicir grazas FIOT. Dicilo, é dicir grazas a quen traballa na preservación do territorio das artes escénicas, Concello de Carballo e Asociación Cultural Telón e Aparte, e especialmente, grazas públicos que habitades esta reserva da biosfera cultural. Porque a cultura define o espazo e os actuantes nun camiño de construción colectiva fóra de mercantilizacións, nunha forma revolucionaria e solidaria de estar no mundo. E cando falo de cultura falo da galega, na que traballo e na que vivo, asentada na lingua da que somos feitas «esa permanencia que nos leva como un río no tempo até a vitoria»... (apropiándome dun verso de Avilés de Taramancos, ao que me acheguei grazas á montaxe teatral Coa palabra na lingua de Teatro Nu). Unha cultura que nos soñe para proxectarnos libres, e afastarnos de nocivos prexuízos, a maioría das veces pagados con cartos públicos. Unha cultura para construírmos vida.

O recoñecemento no FIOT da man de anteriores Xograres e Xograresas, tira de min para levantar á filla de labrega-costureira de frustracións e desánimos (frustracións e desánimos que case sempre chegan por malas políticas culturais ou por estas políticas seren inexistentes) para seguirmos a erguer xuntas, persoas da escena e público, outros mundos posibles en plena liberdade. A Xograresa de Outono non é miña só: é das compañeiras do peixe nacidas libres, é das compañeiras e compañeiros xograres, especialmente de Roberto Vidal Bolaño, Dorotea Bárcena, Xosé Manuel Olveira, Pico, e Alberto Gende. Das outras amizades da escena que se foron: Xan Manuel López Eirís, Ibán Toxeiro, Xaquín García Marcos, Jorge Vasques... Que me acompañaron no construír. E de todas aquelas que preservades a cultura galega. Eis o verdadeiro patrimonio da Galicia de hoxe.

DNI. Mónica Camaño. Actriz de Cangas do Morrazo. Ao tempo que se licencia en Filoloxía Galego-portuguesa na USC, comeza a traballar profesionalmente no teatro en diversas compañías, en cine e televisión. Recibe no 2008, por «Emigrados» de Teatro de Ningures, o Premio María Casares á mellor interpretación secundaria, no 2013 o Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva, e no 2017 o Xograr de Outono do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. Na actualidade forma parte do elenco de «Nacidas libres», de Contraproducións.