A necesidade de sumar esforzos para contribuír ao desenvolvemento

Isidro Varela TRIBUNA ABERTA

CARBALLO MUNICIPIO

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lamentamos a actitude e as duras acusacións da Asociación de Empresarios do Polígono de Bértoa contra Axober polo simple feito de organizar unha xornada informativa sobre Oportunidades e fortalezas do polígono industrial de Bértoa, unha actividade aberta a todo o empresariado interesado en coñecer as perspectivas de futuro que se abren nun dos parques máis dinámicos de Galicia nestes momentos.

Desde Axober non puxemos nin poñemos en dúbida en ningún momento o labor que está a desenvolver a Asociación de Empresarios do Polígono, unha comunidade de propietarios creada para a xestión dun polígono construído por iniciativa privada. Coñecedores dese traballo, enviamos un convite a Asociación de Empresarios do Polígono coa solicitude expresa de que o difundise, se así o consideraba, entre os seus asociados. A Asociación de Empresarios do Polígono foi convidada ao Axober Work Party do mesmo xeito que outras entidades e institucións e, por suposto, todas as nosas empresas asociadas, entre as cales atópanse varias radicadas no polígono de Bértoa.

Todas as comunicacións enviadas incluían a imaxe corporativa de Axober, o que dificilmente deixa lugar a dúbidas sobre a entidade da que parte a iniciativa e, desde logo, tira por terra calquera acusación de suplantación.

Efectivamente, como apuntan na súa nota, a Asociación de Empresarios do Polígono de Bértoa non ten nada que ver na convocatoria. Quizais por ese motivo erra na interpretación dos obxectivos da mesa cando pon en dúbida a capacidade dos participantes para falar sobre o polígono. Desde Axober consideramos que os tres convidados non só están perfectamente capacitados, senón que ademais poden responder ás cuestións claves que tratamos de poñer sobre a mesa con esta iniciativa.

Por iso contamos con María Doporto Santos, coordinadora da Unidade Territorial Zona Norte de Xestur, xa que se trata da empresa pública que promoveu a construción do polígono de iniciativa pública no cal está centrado este Axober Work Party, que ten a propiedade das parcelas e que xestiona a súa adquisición. Cremos sinceramente que non hai persoa máis capacitada para falar deste asunto.

Como se trata dunha actividade para empresarios e emprendedores relacionada coa adquisición de solo e a posta en marcha de proxectos empresariais, consideramos tamén que era imprescindible abordar as posibilidades de financiamento que ofrecen os bancos neste momento, e por iso solicitamos a presenza de Santiago Ángel Luaces, técnico en negocios da Dirección Territorial de Galicia de CaixaBank, sen dúbida unha das persoas que mellor pode aclarar as dúbidas que se presenten.

E, por último, decidimos contar con representación do Concello de Carballo, neste caso do seu alcalde, Evencio Ferrero, porque consideramos que é imprescindible a implicación da institución municipal no desenvolvemento industrial. Ademais, a corporación municipal aprobou recentemente por unanimidade unha solicitude a Xestur para que inicie o desenvolvemento da segunda fase do polígono público (descoñecemos se llo consultaron antes á Asociación de Empresarios do Polígono) e ademais o Concello dispón de liñas de subvención para as empresas que tamén consideramos interesante coñecer e explicar.

No único no que coincidimos coa Asociación de Empresarios do Polígono é na necesidade de sumar esforzos para contribuír ao desenvolvemento do noso concello e da nosa comarca, algo que, sinceramente, consideramos que non se consigue atacando con tanta dureza a unha asociación empresarial con máis de 200 asociados que ao longo do ano organiza distintas actividades para intentar dar cabida aos distintos sectores e ás distintas empresas ás que lexitimamente representa, e entre as cales, insistimos, están varias do polígono de Bértoa.

Por último, e antes de dar por zanxada pola nosa parte esta polémica que seguimos sen entender a que obedece, a título persoal quixera desculparme por se as miñas palabras, froito do enfado do momento, puideron ofender a alguén. Agarda que a próxima vez as súas chamadas telefónicas obteñan resposta e insiste en que a xunta directiva de Axober seguirá organizando as actividades que considere de interese e/ou que demanden os seus asociados.