«O micorrizado é unha realidade natural que se coñece desde hai tempo»

O experto asegura que o aproveitamento dos montes non é «só a madeira»

.

Carballo / La Voz

Debido á seca varias entidades que tiñan organizadas actividades relacionadas co mundo dos cogomelos tiveron que ir pospoñendo os roteiros porque as condicións climatolóxicas non son as máis favorables. Fonteboa celebrará esta semana unhas Xornadas de Micoloxía, Identificación e Multiplicación dos Fungos que empezarán mañá. Enrique Fandiño é o responsable do viveiro de planta micorrizada de Hifas da Terra e falará sobre los beneficios desta técnica. O luns estivo en Voces do Agro, en Radio Voz Bergantiños.

-¿Que é Hifas da Terra?

-É unha empresa que nace no 99. Dedicámonos á micoloxía aplicada, a buscarlle usos e alternativas aos fungos e aos cogomelos. En concreto ao xeito de aumentar a produción de especies de interese nas nosas plantacións.

-¿Que é o micorrizado?

-É unha realidade natural que se coñece desde hai tempo, pero que non se estaba a potenciar, polo que moita xente a descoñece. Trátase dos fungos que viven nos nosos bosques, asociados e en simbiose coas árbores. Iso chámase micorriza. A partir de aí saen os cogomelos. O que facemos é illar os fungos que nos interesan e ver con que árbores os podemos asociar. Calquera afeccionado á micoloxía se decata de que determinados tipos de cogomelos están preto de determinadas árbores. Unha vez que temos isto claro o que facemos no viveiro é poñelos en contacto e eles, de xeito natural, se asocian e fan esa micorrización

-¿É unha técnica complexa?

-A asociación é doada. O máis complicado é facer a preparación, os illamentos en laboratorio para ter o micelio do fungo que nos interesa. O resto é fácil, trátase de impregnar ben as raíces co preparado co micelio do fungo e con esporas e eles xa se asocian por propia afinidade.

-¿Favorece esta práctica o desenvolvemento forestal?

-Vaino facer o fungo. Os micelios que están baixo a terra son como un alongamento do sistema radicular da árbore, polo que vai ser capaz de resistir máis a seca, captar máis auga. Ademais hai moitos nutrientes que están no solo, pero que a árbore non é capaz de asimilar e o fungo si é capaz de sintetizar polo que en terreos moi adversos o crecemento da planta é moito maior ao estar micorrizada.

-¿En que tipo de plantacións se pode aplicar?

-Nunha plantación de castiñeiro ben micorrizada pode dar ata 250 quilos por hectárea ao ano. Tamén pode facerse en carballo do país, sobreiras, aciñeiras e tamén os piñeiros con boletus edulis e con lactarius deliciosus. É un complemento moi importante de cara aos nosos bosques, que non só de madeira se pode vivir.

-¿De qué investimentos estamos a falar?

-Se partimos dunha plantación nova sería xa micorrizada e o prezo variaría en función das especies. Podemos atopar castiñeiros desde 8 euros, híbridos pequenos, dun ano, que custan 3 ou 4 euros sen micorrizar. Tamén se pode optar por traballar con plantas adultas. Cun litro de inóculo pódense tratar 8 plantas, co que teremos un custe de 3,5 euros por cada unha máis a man de obra, pero o traballo é algo moi sinxelo unha vez que se explica. Nunha hectárea de frondosas pódese tratar 100 ou 150 plantas e se son coníferas, sobre unhas 200. En froiteiras non funciona salvo no castiñeiro. Non se asocian a fungos comestibles de valor. Cada vez se está a traballar máis en oliveiras e vides, pero para promover o crecemento. Son fungos que aportan eses beneficios á planta, pero que non teñen valor comercial.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«O micorrizado é unha realidade natural que se coñece desde hai tempo»