Entrañable peza e un dos mellores FIOT

josé maría de la viña varela

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

«É un aquel risoño que nos deixa o ánimo agradecido (...), con ese bo sabor de boca de quen acaba de recibir un aloumiño»: Crítica de «Fillos do sol»

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

E como tódalas cousas boas, tamén o FIOT chega ó seu fin. E que mellor cousa que facelo cunha obra da casa. Tan da casa que vai sobre unha fabulación do poeta Eduardo Pondal, pontecesán e xa que logo, bergantiñán el. Representada en Carballo no FIOT. Creada por un xove director (Cándido Pazó), enraizado nesta terra, por mor duns ollos bergantiñáns, que seica o enfeitizaron. E como guinda do evento, interpretada por unha nova actriz carballesa (Alba Bermúdez), vencellada ó FIOT, e ao teatro en xeral, que lle dá calor a esta peza.

Con este ambiente de tenrura e proximidade, asistimos á representación. Pero antes, como cómpre nesta situación, ofíciase a entrega da distinción de Xograresa de Outono 2017, baixo a sempre elegante dirección de Miguel Suárez, e que este ano recaeu na actriz Mónica Camaño, que, como boa profesional, deu o seu discurso, sen apunte ningún.

Comeza o espectáculo cunha escena moi garbosa, significando a habitación onde Pondal, á carón dunha fiestra e dunha porta, case simbólicas, pero de gran importancia para o texto, pelexa a súa obra. Unha frase desprendida dun diálogo, «o que conta é o relato, non o suceso», reflicte moi ben a esencia mesma do teatro. Como recurso teatral e literario, Cándido tivo a feliz idea de desdobrar o personaxe de Pondal, noutros dous: o novo e o vello poeta Eduardo Pondal, que comparten presenza e tempo. Xorde así un diálogo entre os dous, que nos conduce a través da narración, e afonda nos seus pensamentos. Unha xenialidade. Recurso que aproveita para representar interesantes reflexións de tipo social, político, literario e persoais da época.

De fondo, unha cama; completa a escenografía, perfectamente iluminada. Estamos no medio do proceso creativo de Pondal, en col da súa derradeira obra, que non publicou en vida, Os Eoas. Chea de dúbidas, de medos, de inseguridade, na busca da perfección. César Cambeiro dá fantástica vida ó vello Pondal, complementado polo novo Pondal en Adrián Ríos. E como para dulcificar o por veces árido discurso literario, establecido entre eles dous, aparece a figura de Rosiña, a serventa (Alba Bermúdez), que pon unha auténtica nota de cor no devir da obra teatral. Rosiña é unha figura moi representativa da muller galega dese tempo, que olla para América, onde ten o seu amor, e os seus desexos de futuro. Como o de tantas galegas e galegos máis. As súas meixelas coloradas e o seu pelo rubio, cadra moi axeitadamente coa imaxe de criada nova, pero espelida, propio da época. O texto transcorre nese dúo entre as arelas do poeta e as inquedanzas de Rosiña. Hai unha atmosfera cálida e agarimosa, que nos envolve todo o tempo. É un aquel risoño que nos deixa o ánimo agradecido. E así, case sen nos decatar, chegamos ó final da obra. Con ese bo sabor de boca de quen acaba de recibir unha caricia, un aloumiño.

Espero e desexo que tamén a vós vos gustara. Xa non só esta preciosa e entrañable peza, senón tamén o conxunto do FIOT, este ano (coido) un dos mellores. Parabéns a tódolos artífices distes traballos, que foron moitos. E parabéns tamén, para quen tivestes a sorte de contemplalos.

Miñas donas, meus señores: ata o FIOT que vén.