«Bergantiños vibra nesta peza»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O FIOT carballés e Contraproducións estrean esta fin de semana «Fillos do sol», obra en homenaxe ao escritor Eduardo Pondal, escrita e dirixida por Cándido Pazó

26 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Bergantiños vibra nesta peza. Eduardo Pondal era o poeta deste lugar, desta terra, desta alma. Estamos felices de que isto poidese agromar». Fillos do sol, elucubración teatral nun acto e un epílogo é a obra á que, con estas palabras, se referiu onte en Carballo Cándido Pazó, escritor e director da mesma. Trátase da segunda coprodución do FIOT carballés coa compañía Contraproducións, logo de O tolleito de Inishmaan, estreada o pasado ano e, despois, gran triunfadora nos María Casares. Fillos do sol estrearase mañá cun pase para socios e convidados e haberá logo un segundo o sábado, aberto. Tal e como dixo Alberto Sueiro, presidente de Telón e Aparte, será un dos intres máis «relevantes e senlleiros» desta 26.ª edición do FIOT.

Supón que o festival se interne na creación, afondado nesa relación con Contraproducións que se mantén no tempo. Quixeron en Carballo sumarse á conmemoración do centenario da morte do poeta pontecesán, este mesmo 2017, sentindo que era «unha obriga territorial e cultural cun dos personaxes máis destacados de Bergantiños, e que cremos que hai que recuperar para a cultura galega», en palabras de Sueiro. Todos coincidiron en desexar un éxito cando menos semellante ao Tolleito. Tamén o edil de Cultura, Marcos Trigo, e Belén Pichel, xefa de produción, quen agradeceu a confianza e a oportunidade de «volver a estrear na miña terra, e ademais con outra carballesa, Alba Bermúdez». A actriz, no papel de Rosa, é un das protagonistas desta función, xunto con Adrián Ríos, na pel de Eduardo, e de César Cambeiro, no de Don Eduardo. Alba, presente onte no Pazo da Cultura, dixo do seu que é «un personaxe moi bonito, cunha gran historia» e avanzou as ganas de que chegue xa o gran día, o da estrea.

Pondal, unha luz diferente

Fillos do sol nace dunha chamada dende o FIOT carballés: «Cando me transmitiron a petición de escribir e dirixir arredor da figura de Pondal quedei preocupado e estrañado», confesou Cándido Pazó. Sendo unha das patas da trepia do Rexurdimento Galego, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez, «podería parecer o menos atractivo, non porque a súa obra fose menos importante, senón porque a súa figura emana unha luz diferente, e quizais era o que menos chamaba teatralmente». «Se a chamada non chegase a vir de Carballo, non sei se tería dito si», abundou Pazó. Non obstante, «razóns culturais e de común sentimento de pertenza», e o feito de ter «sentido humano e teatral», animárono. Atopou o fío condutor en Os Eoas, extenso poema épico dedicado á descuberta de América no que Pondal traballou toda a súa vida e da que algúns din que mesmo nunha chegou a rematar. Non sería publicado ata moitos anos despois da súa morte. «Cun pé na realidade ficcionada e outro na fabulación dramática, o bardo, comesto pola neurose que o caracterizou na súa vellez, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións», avanza o programa da función, cun Pondal que anhelaba a perfección («unha das peores maldicións desta vida») e que se entregou a Os Eoas coma «un canteiro que labraba e labraba seguido». Fillos do sol non é unha biografía, senón ante unha obra recoñecedora dende un punto de vista crítico. «Sinceramente», apuntou Cándido, si atoparon na súa figura «moito materia teatral», tema que aínda se abordan hoxe. O que comezou sendo un proxecto do FIOT acabou sendo tamén «100 % de Contraproducións»: «Temos que agradecer que nolo pediran». «É algo que nos toca de preto á xente de Bergantiños», afirmou Trigo. Pazó falou desa obsesión polos nomes que atopou en Pondal. O traballo está sendo «unha descuberta das nosas raíces», tal e como sinalou o alcalde, Evencio Ferrero, gabando unha localidade na que non só hai chourizos ou patacas «con forza», senón teatro con esa calidade. É un recoñecemento á creación galega e aí está o FIOT, trampolín de novas iniciativas.

«Esperamos que poida poñerlle o mellor telón a esta edición do FIOT»

Logo do enorme éxito de O tolleito de Inishmaan, hai moitas expectativas postas en Os fillos do sol. Iso é algo que asumen tanto dende o propio festival como dende a compañía Contraproducións. Desexou Ferrero que a obra que se estrea esta fin de semana «poida poñerlle o mellor telón a esta edición do FIOT». O pase de mañá está reservado para socios e convidados (Pazo da Cultura, 21.00 horas), pero para o espectáculo do sábado aínda se poden mercar as entradas (8 euros): a función será ás 20.30. Poden adquirirse previamente a través de ticketea.com ou ben no propio Pazo, posto que a billeteira estará aberta esta mesma tarde, de 19.00 a 20.30 horas. Noventa minutos antes da función tamén se venderán entradas.

Entrega, mañá, do premio Xograresa de Outono á actriz Mónica Camaño

Hai 15 anos que no FIOT carballés se instaurou o premio Xograr de Outono, un recoñecemento ao traballo en prol do teatro e da cultura en xeral. Roberto Vidal Bolaño foi o primeiro galardoado, a título póstumo, e dende aí virían moitos máis. Nesta edición, o tributo recaeu na actriz Mónica Camaño, a quen lle será entregado mañá, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, xusto antes do primeiro pase de Os fillos do sol. Polo demais, nesta fin de semana remata o 26.º FIOT, coa última entrega do certame de microteatro Metro cadrado (Brinde, con Iria Sobrado, na taberna Mexillón, o sábado) e coa derradeira sesión da Escola do Espectador que dirixe Camilo Franco.