José Luis Fernández Caamaño: toda unha vida dedicada ao mundo das orquestras

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Cedida

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O excantante de Los Satélites José Luis Fernández Caamaño morreu o sábado e hoxe, as 18.00 horas, as súas cinzas serán soterradas na intimidade familiar no cemiterio de Artes, en Carballo. O tamén excantante de Los Satélites, Sito Sedes, lembra nunha cover «Qué soledad, que inmensa soledad invade el alma mía... (…) Mi corazón se llena de emoción, palpita de esperanza». Isto di a letra de Triste papel, un dos meus boleros preferidos. Podería cantalo en memoria de José Luis, que acaba de deixarnos, aínda que el onde se sentía máis cómodo era cantando español, na copla, en aquel Campanero jerezano, «del barrio de la Merced, haz que doblen tus campanas porque ha muerto mi querer». José Luis foi un cantante dos Satélites moi importante, cunha voz moi forte e moi agradable.

Curiosamente eu fun detrás del en dúas ocasións. El viñera de Carballo, da Orquesta Bergantiños, para a Sintonía da Coruña. E no ano 1965 ou 1966 eu vin de Ferrol para a orquesta Sintonía, porque José Luis marchaba para Os Satélites. Anos máis tarde, cando el marchou para os Trovadores, donde estaba Álvaro Pita, eu fun para Os Satélites. Así que sempre fun tralas súas pegadas, de onde saía el entraba eu e iso dáche que pensar.

José Luis era unha persoa á que non se lle podía facer dano e para min era como da familia. Gustáballe a parranda e nos últimos anos viamonos bastante a miúdo.

Foi facer a mili pola Armada a Ferrol e estando alí participou nun concurso de Radio Ferrol que se chamaba Camino de la Fama e gañouno. Era como o Desfile de estrellas que había na Coruña, en Radio Nacional, no que tamén participou.

José Luis pasou toda a súa vida nas orquestas, sendo un cantante con personalidade. Nalgunha ocasión, por amizade, pedíanlle que se cantar a vodas ou celebracións, pero o seu sempre foron as orquestras. Despedir a un amigo sempre é un triste papel.