Alberto Sueiro: «Sobre o papel, esta é a mellor edición do FIOT»

F. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O presidente de Telón e Aparte considera que todas as seccións do multidisciplinar festival carballés teñen peso e presenza

25 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O outono xa chegou e polas rúas de Carballo xa se palpa tamén o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). A estación e a 26.ª edición deste encontro, absoluta referencia na comarca e tamén en Galicia e máis alá, botaron a andar xuntas. Alberto Sueiro (Carballo, 1962), presidente da asociación Telón e Aparte, organizadora, falou en Radio Voz Bergantiños sobre o que depara o festival e, tamén, sobre esta fin de semana que xa pasou, con unha obra de rúa, unha do ciclo OTNI e catro funcións da Rúa dos Contos. Así, logo do aperitivo servido por Galeatro con Muiñada, xa botou a andar «a programación estable do FIOT en todas as súas facetas».

-Á marxe da programación de sala, parece que cada ano van gañando peso as actividades paralelas. ¿Alguna novidade este ano?

-Si, si. É fundamental. Un festival non é unha programación de teatro, porque ao final só sería cuestión de xuntar un orzamento e contratar. Iso sería unha programación. Un festival é algo máis, ten que ser unha proposta, un incentivo para que a xente visite o teatro e descubra cousas. Por tanto, ten que ter unha vertente multidisciplinar para que o público se faga unha idea completa do que son as artes escénicas. Efectivamente, este ano, dentro desa visión, damos un novo pasiño cunha modalidade de teatro que nos últimos anos ten moita presenza, que é o microteatro, o teatro de cercanía, de proximidade, feito en espazos curtos e en lugares alternativos ás propias salas. A súa principal característica, pois, é a escasa duración dos espectáculos, así como o número moi limitado de público para o que van dirixidos [nalgún caso, mesmo a dúas persoas]. Nese sentido teremos, pois, o concurso de microteatro Metro Cadrado (M2), que empeza este ano a súa andaina e que se levará a cabo en distintos espazos de Carballo, dende a chocolatería Mariño ata a librería San Ramón ou o mercado municipal. Comeza o día 1. Búscase, dalgunha maneira, poñer en valor sitios emblemáticos de Carballo, que acollan teatro. Matamos dous paxaros dun tiro: a xente visitará eses lugares.

-«El apartamento», de Cirk About, foi a proposta de arranque.

-Si, un espectáculo de teatro circo, modalidade que ultimamente está moi en boga en todos os festivais, porque se aproveitan espazos abertos. Neste caso, ten que ver cunha casa e con todo o que pode pasar dentro dela, pero cun tratamento de circo, con todo o que iso conleva: malabarismos, acrobacias, saltos...

-E, logo, El Pont Flotant.

-Si, apertura do OTNI, Obxecto Teatro Non Identificado, digamos que aquela versión máis off do noso festival, espectáculos alternativos. Unha proposta realmente interesante e cunha montaxe tamén moi recomendada que pasou por festivais de Europa. Non é teatro ao estilo clásico, senón como un obradoiro cunha vintena de persoas de Carballo e entorno que levaban dende o martes traballando coa compañía para representar unha obra que se fai sobre a marcha.

-Parece que se puxo toda a carne no asador: non hai máis que ver que no programa figuran tres estreas absolutas, tres coproducións por primeira vez...

-Si, si.

-Estreas a nivel galego, incluso unha preestrea... Haberá que ver, pois, se se supera a 25.ª edición.

-[Ri]. Creo que o festival está cumprindo coa súa función, é dicir, a de servir como vehículo de expresión, a de permitir ver novas propostas e espectáculos. Tamén, que as compañías empreguen este festival como un escaparate para mostrar os seus proxectos. Eu dígoo sempre, e dou por suposto que a credibilidade será relativa, pero obxectivamente, creo que sobre o papel esta é a mellor edición do FIOT. Estreas, coproducións... Iso é unha marca dun festival. Estamos coproducindo, por exemplo, cunha compañía catalana e con teatro do Reino Unido [función La última cena, de Reckless Sleepers&Atresbandes, domingo 1 de outubro]. Vense a preestrear aquí unha obra [La zanja] dunha compañía catalana, Titzina, que ademais repite, co cal vese que a experiencia de facelo co seu espectáculo anterior aquí, hai catro anos, funcionoulle [será o 29 de setembro]. Por primeira vez, ademais, metémonos tamén na creación, porque o proxecto de Os Fillos do Sol [27 e 28 de outubro] é un proxecto do FIOT que se encargou a Contraproducións.

«Estamos presentando unha proposta de calidade»

Na programación de sala, explicou Alberto Sueiro en Radio Voz, non se pode obviar que pola localidade carballesa e polo seu festival pasarán catro dos mellores directores de teatro que hai agora mesmo en España e, por suposto, «toda unha Premio Príncipe de Asturias actuando». Refírese a Nuria Espert, dama do teatro que forma parte do elenco de Incendios, obra de Ysarca e Teatro de la Abadía (Madrid) prevista para o domingo 15 de outubro, ás 20.00 horas (15 euros, tres horas de espectáculo con descanso). «Penso que non se pode pedir moito máis», afirma Sueiro sobre esta 26.ª edición do FIOT.

-Pois semellaba complicado mellorar, logo da cifra tan redonda cumprida o ano pasado. Séguense subindo máis chanzos.

-Teño para min a impresión de que, este ano, a xente que queira ver teatro terá na programación de sala moito teatro. Son funcións... funcións moi de teatro, onde de algunha maneira mesmo se está arriscando un pouco, no sentido de que é teatro convencional. Non obstante, temos aí tamén o OTNI, con espectáculos absolutamente novidosos. Temos o Metro Cadrado, temos por suposto o Fiotiño, temos a Rúa dos Contos e este ano mesmo con estreas: ¡Marta Lado, a coñecida actriz [protagonista de Sicixia], fai un espectáculo para vir o FIOT! Nese sentido, pois, estamos moi contentos con todas as seccións do festival, porque todas teñen peso, todas teñen presenza, para cada público. Por tanto, creo que estamos presentando unha proposta de calidade e densa, que é a nosa intención.

-Capital do teatro a nivel galego e, por que non, estatal.

-É o que dicimos nós: Carballo é o corazón do teatro en Galicia. All you need is FIOT.