«En cada rúa temos que actuar dun xeito, non igual en todas»

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Milagros Lantes Seara é a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Contratación e Seguridade Cidadá de Carballo. A edila traballa nunha ordenanza que limitará a 30 a velocidade en todo o casco urbano, pero que implicará outros cambios na circulación. Aínda non ten data

24 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Milagros Lantes (1961) ten estes días máis ocupacións debido aos actos da Semana da Mobilidade que organiza o seu departamento.

-¿Como se pode resumir iso dunha semana para a mobilidade?

-Pola mobilidade hai que traballar todos os días do ano. Outra cousa é que se dedique unha semana especialmente a falar máis dela, a reflexionar, a que haxa máis atención por parte da cidadanía.

-¿Queda moito por facer aínda en Carballo neste campo? Hai quen xa os pon de referentes.

-Sempre queda moito por facer, pero tamén é verdade que non estamos na situación de hai uns anos. Carballo traballou moito nestes tema, e iso sábese, aquí, e fóra. Mudou a dinámica. Non creo que sexamos referentes, pero si que se sabe que traballamos moito para cambiar a dinámica.

-¿Pontevedra é o modelo?

-Temos que aprender de todos os sitios. Do que che gusta, e do que non che gusta. Cando imos a un sitio que non coñecemos vemos como está a distribución, se é fácil moverse ou non... Pontevedra é un referente a nivel mundial. A cidade que máis premios ten por mobilidade, por accesibilidade. Pero nós non somos Pontevedra, temos outra dinámica, eles teñen un casco histórico que nós, non. Hai que aprender deles o bo, e tamén o que non podemos aplicar aquí. Carballo é diferente.

-Vostede que prefire: humanización, semipeonalización...

-A min gústame máis dicir un lugar agradable no que poida andar todo o mundo. Estar a gusto, máis que esas outras palabras. Comodidade, estar a gusto, que a xente diga que volvería sen problemas.

-Nos cambios dalgunhas rúas tiveron críticas.

-A gusto de todo o mundo non se pode estar. É imposible, poñámonos como nos poñamos. Ás veces, nin con nós mesmos! Pero no BNG si temos claro o modelo de desenvolvemento, cara onde hai que ir, e con esas premisas actuamos. Xa sabemos que convencer a absolutamente todos non se pode, pero tratamos de que a maioría estea contenta.

-¿Cara onde vai ir a expansión de obras? ¿Seguirán abríndose dende o centro co mesmo modelo?

-Cada zona necesita un tipo de actuación. Se actuamos na Luís Calvo ou na Barcelona, hai que ter en conta que son rúas de moito tráfico, e facilitar a convivencia do tráfico e das persoas. Ampliar as beirarrúas será necesario. En cada rúa temos que actuar dun xeito, non igual en todas. Cada unha ten a súa maneira de vivir e de actuar. Cara os Baños Vellos temos que facer un estudo para ver como intervir, tamén necesita un cambio, a ver para o 18 ou 19. Non ten que ser o mesmo que na praza, por exemplo.

«Segue habendo barreiras, pero tamén sacamos moitas»

Hai aspectos que dificultan o avance da mobilidade.

-Nas rúas de Carballo aínda quedan moitas barreiras arquitectónicas.

-Si, segue habendo moitas, pero tamén sacamos moitas. É imposible eliminalas todas ao mesmo tempo. En todas as actuacións que levamos a cabo xa temos en conta esa premisa. E estamos sendo moi escrupulosos con este tema, en obras grandes e pequenas. Para facer os camiños dos escolares máis accesibles, por exemplo, temos que actuar en 108 puntos, a maioría moi pequenos. Temos que ir facendo, pero tamén podemos dicir que estamos moderadamente satisfeitos do xa realizado.

-¿E tamén está satisfeita de como vai o Pedibús?

-Temos agora unha campaña para potencialo. Xa hai xente nova que se achega para continuar. É algo co que hai que estar aí continuamente. Depende moito da xente que se implique, dos pais... Espero que se poidan sumar tamén os rapaces do San Luís Romero, agora que se renovou todo o seu entorno.

-¿Para cando unha «zona 30» en Carballo? Ese límite xenérico de velocidade, que xa se anunciara.

-Estamos coa ordenanza na que tamén se inclúe ese cambio. Existe un borrador coas cousas a cambiar, e a oficina técnica tamén está traballando en varios aspectos. E a Policía Local tamén terá que miralo. Na norma irán máis variacións ca unha, será necesario tocar varios temas. Así que non me atrevo a poñer unha data.

-¿Haberá cargadores na rúa para coches eléctricos? Polas cidades xa os hai.

-Diso falárase cando entrou a nova concesionaria do servizo eléctrico, pero é un tema que leva outra área [Obras e Servizos]. Falárase de polo menos na zona da rúa Perú.

«Haberá máis aparcabicis, sobre todo nos edificios municipais»

O uso da bicicleta en Carballo vai a máis, pero aínda lle queda moito percorrido.

-De momento hai poucos usuarios.

-Non é fácil, nin en Carballo nin en moitos sitios. Nós seguimos traballando niso. Haberá máis aparcabicis, sobre todo nos edificios municipais. Seguiremos o modelo que xa implantamos na rúa Valle Inclán ou na biblioteca Rego da Balsa. Pode valer para máis rúas.

-Tampouco hai carrís específicos.

-É que o modelo agora é que nas cidades a 30, con todas as rúas con esa velocidade, as bicis vaian ao mesmo nivel que os coches. Unha das cousas que haberá que adaptar na ordenanza, por certo.

-¿Prevense máis aparcamentos gratuítos?

-Pode que si, iso vai segundo as necesidades dos veciños. Se a xente o demanda, faise. Ademais, agora, cando lle pides aos donos das parcelas que chas deixen, xa non hai problemas. Isto vai en función do que se vaia pedindo.

-¿E ampliar a zona azul?

-Por agora non está previsto que haxa máis, pero iso non quere dicir que no futuro non ocorra. Como no caso anterior, moitas veces son os propios veciños os que a piden. É algo dinámico. Pero non é algo que faláramos ultimamente.

-¿Non cre que nas rúas de Carballo hai moi poucas árbores?

-Si, debería de haber máis, hai un déficit de verde, o que hai é escaso. E aínda así ás veces hai que sufrir o incivismo que as rompe.

-En tres rúas hai pantallas (aforadores) que marcan a velocidade. ¿Serven para algo?

-Tal vez máis ao principio, pero hai condutores aos que lle dá igual o que poña. Claro que tamén hai outros que si o valoran.

-¿E o metrominuto tense en conta? Os planos con distancias para os que andan.

-Hai quen non o segue exactamente, que non usa as mesmas rutas, pero si o que o ten en conta para orientarse. E cada vez ándase máis. Moita xente, e bastante polo mero pracer de camiñar, sen máis.