A locomotora de Bergantiños

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

28 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo precisa no futuro continuar sendo motor de crecemento territorial con especial atención á capacidade de atraer traballo, actividade, investimentos e mellora de infraestructuras. Foron as xentes de Carballo as que apostaron por un crecemento que fixo posible a nosa conversión en locomotora territorial de Bergantiños. Hai que ser moi carballés para que unha fábrica de conservas se converta en líder mundial cando naceu a quilómetros do mar. A implicación das xentes foi un gran activo nun pobo que naceu sendo un aluvión de xente vida de fóra: maragatos, ourensáns, moitos deles innovadores e que forman parte das elites locais. Eles tamén transformaron a política local.

En 1910 a parroquia de Sofán tiña máis habitantes que toda a de San Xoán de Carballo (1.801 fronte a 1789). De coller os datos no libro Crónica fotográfica de Carballo e referidos só ao casco urbano a diferencia aínda sería maior en beneficio de Sofán. Tivemos que chegar ata o 1996 para ver por vez primeira como Carballo casco urbano superaba ao sumatorio das parroquias carballesas e unicamente por 242 habitantes. O concello rexistraba nese ano un total de 26.864, dos que 13311 vivían nas 17 parroquias restantes.

O crecemento dos pobos non é unha liña en continua evolución. Hai decisións que favorecen, retardan ou impulsan ese crecemento. Os términos municipais, salvo contadas excepcións, manteñen os límites e superficies deseñados hai 150 anos cando a parroquia era o elemento vertebrador porque a vida xiraba no eixo vivenda-traballo-relacións. O traballo estaba nas fincas ou montes próximos e as relacións eran de veciñanza. No último tercio do século pasado Carballo dou pasos importantes para reforzar o casco urbano. En momentos de apartheid dicía Luther King que tivera un soño para a raza negra. Décadas despois ver a Obama como presidente dos EE.UU. demostra que algúns soños poden facerse realidade, aínda que agora parece que algún soños poden converterse en pesadelo.