«Tanxencias», o tesouro de Facal e Rivas

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

«Este é un deses libros que non existen», di o escritor. Así recordan os dous a obra

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para min foi como se saltase un peixe, un peixe mítico. De repente alí estaba, vivo. ¡Un peixe no medio da Praza dos Libros!». O escritor Manuel Rivas describe así o xeito no que se reencontrou hai uns días, en Carballo, con Tanxencias, unha obra de arte -poesía de Rivas e gravados do artista carballés máis internacional, Manuel Facal- que chamou a atención de moitos no posto da Librería Brañas. Tanxencias é unha obra do 2005, mais para o escritor, é unha obra «que xa pertence ao século pasado», dese tipo de libros «que para min quedaron fóra do tempo». Tocaba, pois, botar a andar a memoria, remexer na historia dun deses libros «que non existen». Logo dará el conta de por que.

Tanxencias, como explicaba onte o propio Manuel Facal, foi unha iniciativa súa, ao xeito de outras que tamén tiña feito con Xabier Seoane ou con Cesáreo Sánchez Iglesias, por exemplo. Colaboracións con poetas, un diálogo gravado-literatura, que primeiro comezou sendo con escritores galegos e logo deu tamén o salto ao nivel nacional. Facal ten compartido o seu traballo con Gil de Biedma ou con Gimferrer: «O que fixen con Gimferrer está no Museo de Arte Moderno de Nueva York». Véñenlle á mente obras súas tamén deste estilo, como Alba de Gloria, co discurso de Castelao; O outro, con Méndez Ferrín; ou como Porta a Compostela, man a man con Novoneyra, Pura Vázquez, Luz Pozo, Manuel María, Bernardino Graña, García Bodaño ou Méndez Ferrín [este, por exemplo, pode verse na Brañas]. Rememora co libreiro Moncho Tasende a entusiastas da arte como foi o editor Carlos Díaz.

«Hoxe en día sería difícil facer este tipo de cousas», conta Manuel Rivas. Moncho Tasende mesmo sabe de feiras literarias no que se teñen vendido exemplares de Alba de Gloria por 325.000 pesetas. Nese mesmo senso, Tanxencias é unha obra de coleccionista, unha obra de arte. Dos 70 exemplares editados -son edicións numeradas- xa non queda ningún, polo que só queda recorrer aos que garda Facal, que quedou con dous. «O que está aquí non está publicado en ningún outro formato», dá conta Tasende para falar do carácter único dunha obra que, malia no ser comercial, xa é hoxe reliquia de arte e aínda o será máis nun futuro.

Os gravados, «centro radical»

Rivas lembra que tivera coincidido con Facal en varias actividades. O gravador tivera colaborado con Luces de Galiza na súa primeira etapa con traballos marabillosos do que o escritor lembra especialmente un, sobre a vontade de estilo popular en medas e palleiros. Por iso, cando hoxe pensa en Facal, evoca paisaxes de outono, maínzos. «Facal ten unha capacidade artística e técnica moi sofisticada, pero sempre volve a esa conexión tan telúrica que a min me remite a un espazo psicoxeográfico do mundo de Bergantiños e Soneira». Cita a Pamuk e ao seu concepto de ‘centro radical’ -aquilo que latexa na obra, aínda que a veces sexa o máis invisible- para deixar claro que, en Tanxencias, «o centro radical é a obra de Facal».

Esta obra de arte, ao igual que Porta a Compostela, descansa polo de agora na libraría Brañas. Pasando as súas grandes láminas un pode deixarse impresionar polas cores e as formas do gravador. Botados á carreira, botados á nostalxia, os nosos ollos proxectados no infinito, como un soño ou anseio..., escribiulle Manuel Rivas.

«Paréceme que Facal podería andar con Van Gogh polos camiños de Soneira e Bergantiños»

«Paréceme que Facal podería andar con Van Gogh polos camiños de Soneira e Bergantiños», conta Manuel Rivas, abondando na capacidade do artista. Para el foi quen de crear a súa propia paisaxe, de forxar un imaxinario, pero tendo un pouso: «Para min o seu centro radical está nas medas». Rexeita reducir á «abstracción» os gravados que inclúe a obra Tanxencias: «As formas e as cores expresan paixóns tamén. El ten un sentido estético tremendo, é quen de ver arte onde os demais non o vemos. Todos podemos ver o fondo se miramos nun regato ou nunha pía de auga, pero o que é máis difícil é ver máis alá do fondo. En Tanxencias Manuel Facal ve máis alá do fondo».

«Por amor»

O salto daquel peixe mítico na Praza dos Libros de Carballo espertou a memoria do autor. Di que, este, xunto con Herbas de cego, no que aportou poesía ao caderno de arte de Xosé Luís de Dios, son posiblemente dos mellores libros nos que teña participado. Pese a todo, non soen figurar nas súas biografías, nin a xente fala deles. «Este é un deses libros que non existen», afirma. Libros que son quen de escapar da produción editorial concibida como maquinaria, libros que foxen da aceleración do tempo, «da suma de velocidades de cobiza». «Isto non se pode facer por velocidade ou cobiza, senón por amor. É o que teñen de extraordinarias este tipo de edicións», engade. A situación de Herbas de cego é ben distinta á de Tanxencias. A primeira, doada por Xosé Luis á cidade de Ourense, «debe andar por algún soto, preso», a expensas de cambios institucionais. Parece que nunca se chegou a distribuír. A colaboración con Facal luciu e loce en Carballo: «Por sorte aí si».