As aulas rodantes do Semescom chegaron á Provenza francesa

A entidade celebrou a súa viaxe formativa anual na busca da historia, da arte e da natureza

.

Carballo / La Voz

As aulas rodantes do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) puxéronse de novo en marcha. Os 49 viaxeiros da entidade acaban de regresar dun percorrido pola Provenza francesa. Despois de visitar varios fisterras europeos, este ano, o colectivo, formado na súa meirande parte por profesores e exprofesores, emprenderon o pasado día 14 unha visita á rexión gala, un itinerario cargado de historia, arte, paisaxes, literatura e momentos de ocio.

O autobús foi dereito a Tolosa (Toulouse), cidade ligada ao Camiño de Santiago. A catedral desta cidade, segundo explicou o presidente do Semescom, Xosé María Lema, ten moitas semellanzas coa de Compostela. De feito, moitos mestres canteiros traballaron en ámbalas dúas, mesmo as esculturas dos respectivos pórticos teñen as súas semellanzas. Lembrou tamén Lema que Toulouse foi a cidade que máis republicanos españois acolleu despois da guerra civil.

A segunda parada foi en Carcasona, que conserva aínda gran parte da súa arquitectura medieval. As fortificacións permanecen enteiras, pois a parte nova da cidade foi levantada sen afectar á vella. No 1209 os seus habitantes rendéronse ao cerco de Simón de Monfort ao quedaren sen auga.

Estas viaxes acaban por converterse en auténticas aulas. O desprazamento foi preparado por Chus Barbeira, mentres que Lema Suárez elaborou a documentación histórica. O exprofesor de Carballo Antón García Losada, outro asiduo, encargouse dos coñecementos xeográficos. Mentres se desprazan dun lugar a outro vanse esclarecendo os diversos aspectos científicos das terras que se visitan. Este ano, segundo explican, contaron coa inestimable colaboración de Pepe Carballude, exprofesor carballés, que lles achegou innumerables explicacións sobre o mundo romano, sobre todo cando tocaron as paradas de Nimes e Arles, nas que se conservan restos dos seus teatros e anfiteatros. «Nestas aulas rodantes -di Lema-, e mentres imos no autobús, calquera que teña idea dun tema, fala del». Con respecto a esta, como as outras viaxes, quedou moi satisfeito: «Foi moi amena».

En Arles, onde o río Ródano se divide en dous brazos, admiraron o seu pasado romano. Por aquí andou o pintor holandés Vicente van Gogh e moi preto naceu Federico Mistral, que foi premio Nobel. Tamén lle seguiron o rastro a Paul Cézanne, que foi enterrado en Aix-en-Provence. «Fomos a lugares paradisíacos, como a abadía de Senanque, con campos de lavanda en flor», apunta Xosé María Lema, para quen o percorrido en barco ata Les Calanques de Marsella constituíu un dos grandes atractivos do percorrido. Os acantilados e as calas que puideron ver son únicas, 20 quilómetros de cantís de rochas calcarias son moi difíciles de esquecer pola súa fermosura.

Como tamén lembrarán durante moito tempo a ponte de Saint Benezet, en Aviñón, onde tiveron sede sete papas. Ademais viron o pazo dos pontífices, do século XIV. Admirados quedaron, por outra banda, dos meandros das Gorges d’ Ardèche e máis do arco formado polo mesmo río, a Pont d’Arc do Ardèche, furado nas rocas calcarias.

Son moitos quilómetros e todos cheos de lugares de sumo interese, como a «paisaxe espléndida» do Sentier des ocres de Roussillon, un quilómetro de paraxes tostadas formadas por unha antiga mina. Un paseo acompañado polo concerto de chicharras, moi presentes na música ambiental de toda a Provenza rural.

Os membros do Semescom, que fan unha viaxe formativa moi amena tódolos anos, conclúen que o desta ocasión tamén foi un acerto, así como programa desenvolvido e sacan como conclusión, unha vez máis, que os franceses aproveitan «moito o seu patrimonio, protéxeno», apunta Lema: «Nós temos sitios comparables que se deixan a monte».

Votación
13 votos
Comentarios

As aulas rodantes do Semescom chegaron á Provenza francesa