«A situación do galego é complicada»

SOFÍA CAAMAÑO / X.A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Abalde aposta pola dinamización lingüística como función básica da Universidade. Onte firmou en Carballo o convenio para o próximo curso de verán Traballando en Lingua

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, firmaron onte un convenio para a realización do 13.º Curso de verán Traballando en lingua, que este ano se focalizará no uso do galego na música. Abalde (1956) chegou a reitoría da Universidade da Coruña no 2015. Para el, asinar este convenio «é sempre un fito». Durante a súa visita a Carballo, aproveitou para falar da situación actual da Universidade e, como reitor, deu a súa opinión sobre temas académicos que afectan a todo o estudantado da zona.

-¿Cal é a situación do galego na actualidade?

-Complicada. A pesar do esforzo investido non se están acadando os avances necesarios. Na Universidade da Coruña temos estudos de lingua galego-portuguesa. Hai que tratar de ver que co galego se pode ir moito máis alá da nosa comunidade.

-¿Cre que hoxe en día o sistema educativo promove o uso do galego?

-Pois non. Creo que se podería facer bastante máis polo desenvolvemento da nosa lingua.

-¿Como definiría o papel da Universidade hoxe en día?

-Neste momento de crise económica a Universidade ten que xogar un papel central no proceso de formación de novos profesionais, pero tamén no de establecer relacións cos sectores empresariais para permitir que esta saída da crise se basee en emprego de calidade, en xustiza social, e en igualdade de oportunidades.

-¿Cre que a Universidade se está convertendo nun ben de luxo?

-Espero que non. E dende logo na Universidade da Coruña estamos loitando para que non sexa así. Traballamos para que toda a comarca, dende Carballo a Cedeira, poida acceder á Universidade da Coruña.

-¿É eficaz o plan Bolonia?

-Eu son un firme defensor de Bolonia. O que pasa é que a aplicación que estamos facendo non sempre é a máis axustada. Creo que Bolonia trata de crear un tipo de educación moito máis flexible, con metodoloxías moito máis dinámicas.

-Na práctica, moitos estudantes quéixanse do aumento de carga lectiva e de que o sistema de avaliación continúa a ser o de estudar para «vomitar» contido nun exame.

-Os profesores teñen que mudar esa forma de docencia. Espero que nuns anos todo estea moito máis adaptado e poidamos facer realmente unha valoración de como funciona o sistema.

-¿Cre que os estudantes saen preparados da Universidade para afrontarse ao mercado laboral?

-Si. O problema é que nós aquí non temos un tecido empresarial que sexa capaz de valorar a formación dos estudantes.

-¿Que opina do sistema de avaliación para entrar na Universidade?

-Temos que garantir que non haxa ningunha barreira de acceso á Universidade que non sexa a capacidade de mérito. A Universidade debería garantir o número de prazas suficientes para que todo o mundo puidera facer o que quixera.

-¿E do 3+2?

-O debate perverteuse un pouco porque se cargou de ideoloxía e se sacou do ámbito académico. Hai títulos que poden ser de tres anos, outros de catro e outros de tres e un mestrado. Todo isto tería que acontecer dun xeito natural, sen que exista ningún tipo de penalización económica de por medio. A Universidade da Coruña propuxo que en canto se puidera, se baixaran as taxas dos másters.

Traballando en Lingua: parte do programa. O curso desenvolverase durante os días 19 e 20 de xullo no Fórum de Carballo. Á súa inauguración asistirán o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o reitor da UDC, Julio Abalde; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos Noia, e un representante da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua. Nas dúas xornadas acudirán personalidades relacionadas co mundo da música en galego como SÉS, Pablo Carpinteiro, Moncho do Orzán, Xurxo Souto, Goretti Sanmartín, Rosa Cedrón, Olga Kirk, Pablo Díaz Arturo Baquero, Mini, Mero e Pilocha, Sonia Lebedynski e César Carlos Morán, entre moitos outros.