«De pequeno eu non xogaba, escoitaba»

O escritor arteixán presentou na Praza dos Libros «Contos mariños de Carballo»

.
p. b.
carballo / la voz

A Praza dos Libros de Carballo ulía a mar o pasado venres á tardiña. Non era para menos, pois o arteixán Xabier Maceiras (1970) presentaba precisamente alí o libro Contos Mariños de Carballo, unha obra que ademais dedica ao seu curmán Paco Souto, poeta, percebeiro e axitador cultural falecido o pasado mes de marzo. Xa antes de que Xabier comezara a falar destes Contos, as historias do pasado ían e viñan como ondas da man dos veciños que lle axudaron a artellar este libro. Parte da obra de Maceiras diríxese á recuperación da historia da súa terra natal, que para el forma parte da Costa da Morte.

-¿De onde vén ese gusto por escarvar no pasado?

-Sempre me gustou escoitar. De pequeno pasaba moito tempo atendendo a historias que contaban na miña casa e tamén en Camelle, a onde acostumaba ir moito. Eu non xogaba, escoitaba.

-¿Que cre que lle pode aportar o pasado ao presente?

-Sobre todo hai que poñer en valor o respecto da xente maior, o que gardan eles na súa memoria. Vivimos nun mundo de présas no que moitas veces nin temos tempo de dar os bos días. Este mundo estanos poñendo unha venda nos ollos que non nos deixa ver o tesouro que as persoas maiores gardan no seu interior.

-¿Houbo algo que descubrira buscando no pasado que o sorprendera especialmente?

-Realmente, eu estou descubrindo cousas sempre. Cada día é unha aventura. Cada vez que teño conversas con esta xente ou cada vez que me mergullo na hemeroteca descubro cousas que me fascinan. É unha aprendizaxe continua e diaria.

-¿Como comeza a recompilación de historias que despois derivarían nestes «Contos mariños de Carballo»?

-Eu estaba facendo un traballo en Arteixo, porque moitas veces cando falamos da costa danos a impresión de que só teñen mar Caión e Malpica. Sentía que en Arteixo viviamos de costas ao mar. Por iso quería facer unha recompilación de feitos mariños do meu concello e durante esa investigación fun atopando información de Carballo que gardei para un hipotético libro no futuro e que se acabaría convertendo en Contos Mariños de Carballo.

-¿E se tivese que describir agora o seu contido? ¿Que diría?

-É unha mestura entre a información hemerográfica que atopei e as testemuñas das fontes orais, sobre todo nas historias que datan dos anos 20 do século pasado en diante.

-¿Como vive esa experiencia de chegar á casa da xente e preguntarlles polo seu pasado?

-Ao principio foron momentos de moita reserva e de moita incerteza. O primeiro día había un pouco de desconfianza, pero no segundo e terceiro xa houbo xente que me levou a súa casa.

-¿Que significa para vostede a súa terra natal?

-Significa todo. Eu levo con moita honra o ser galego e o pertencer a esta comarca. A Costa da Morte ten límites distintos segundo a quen se lle pregunte. Eu inclúo a Arteixo dentro dela.

-O Día das Letras Galegas dixo que as letras se deberían celebrar todos os días. ¿Cre que se está deixando de falar o galego?

-Eu vexo todos os días que si. Ó noso idioma estánselle poñendo todas as trabas posibles e experiméntoo na miña casa: eu son galegofalante, a miña muller tamén, pero os meus fillos falan castelán. Algo está pasando: medios en español, debuxos en español, etcétera. Por moito que me digan as autoridades que están gobernando que nunca se falou tanto galego como agora, non é certo. Vin unha entrevista do presidente da Xunta dicindo que nunca se falou tan ben galego... Home a ver, por favor... ¿A que estamos xogando?

-¿Como se pode potenciar o uso do galego, na súa opinión?

-Unha vía principal de potenciación do galego serían os medios escritos. Os xornais leos moita xente e non vexo lóxico que non se utilice a nosa lingua. Isto é así de duro e así de cru.

Historias de naufraxios con «final feliz» no litoral carballés

No libro de Xabier hai vivencias tan especiais coma a protagonizada por unhas galletas

O libro Contos Mariños de Carballo recolle numerosas historias de naufraxios acaecidos no litoral do municipio ao longo do tempo. A pesar da traxedia que sempre supón un afundimento, nalgúns casos esas historias motivaron para os veciños desta terra algún que outro «final feliz».

A desgraza do afundimento dun barco nas proximidades da costa carballesa, por exemplo, deixou anos atrás un novo apelido na localidade. Xabier narra: «O segundo día que quedei coa señora Consuelo, da parroquia de Lema, xa me contou esa fascinante historia sobre como chegou o apelido Pacoret, de orixe francés, a Carballo». No século XIX embarrancou un navío francés nestas costas. Un dos náufragos, de apelido Pacoret, namorouse dunha rapaza da zona e pouco despois casaron, afincando, deste xeito, o seu apelido na localidade. Maceiras considéraa «unha historia de película, digna do mellor dos guións cinematográficos», e así o fixo saber o venres durante a presentación do libro na que está recollida.

Seguir leyendo

Votación
5 votos
Comentarios

«De pequeno eu non xogaba, escoitaba»