Pan, atún, letras e memoria na Praza dos Libros de hoxe

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Onte foi un día de incesante actividade: arte urbana, presentacións, música... Hoxe, cuarto e último día

09 jul 2017 . Actualizado a las 19:15 h.

Xa dende a mesma imaxe do cartaz e dos trípticos informativos, a Praza dos Libros de Carballo deste ano vén rendendo homenaxe a Paco Souto. Nesa imaxe, un mozo le Crebar cristais coa lingua. Na inauguración desta feira da creatividade cultural, o edil Marcos Trigo dixo del que era un compañeiro que non escatimaba en esforzos, xeneroso en amizade. Manuel Rivas, escritor, definiuno como membro das mellores estirpes, as ceibes. Paco Souto, poeta, axitador cultural, político e percebeiro, morreu en marzo deste ano mar adentro. Hoxe, domingo, cuarto día da Praza dos Libros, haberá para el un acto especial: Atesourando a palabra está previsto para as 21.00 horas e será unha homenaxe poética e musical ao escritor malpicán.

Non obstante, antes diso, haberá primeiro moitas outras paradas. Hoxe é día de mercado en Carballo e dia tamén da iniciativa Un pan, un libro. Isto é, todas as persoas que merquen un libro na xornada de hoxe recibirán de agasallo un pequeno molete de pan de Carballo. Este ano, por inicaitiva da Fundación Luis Calvo Sanz, recibirán asemade unha lata de atún. A proposta está máis que consolidada e, de feito, este cuarto día da Praza dos Libros soe ser un dos que máis movemento reporta. O reparto farase toda a mañá.

11.30 • Phottic • Presentación do proxecto editorial Phottic, con raíces carballeses, e das súas tres últimas publicacións. Participan Manuel Pan e máis os autores das obras: Héctor Pose (Mar de invernía), Manuel Rey (Fuera de serie. 40 aniversario de Aspaber) e Xan Fraga (De Arsenio a Arsenio).

13.00 • Concerto de MJ Pérez • Concerto de sesión vermú con unha voz nova que dende a organización anuncian como unha das máis interesantes da música en galego. A coñecida como «guerrilleira de Arzúa» trae a Carballo cancións do seu próximo disco, Casandra. Proba de que a creatividade cultural da Praza carballesa é máis ca letras.

18.30 • «O Contador de contos», con Alba Bermúdez • A actriz carballesa representa unha peza infantil baseada en relatos do escritor Carlos Casares, quen foi homenaxeado este ano nas Letras Galegas.

20.00 • «Devalar sen pel», de Modesto Fraga • O fisterrán aficando en Arteixo presenta a súa última obra, coa que acadou o 19.ª Premio de Poesía Concello de Carral. Con el estará Miguel Anxo Fernán Vello.

21.00 • «Atesourando a plabra»: homenaxe a Paco Souto • Poesía e música para a memoria. Unha vez que remate este acto, sobre as 22.00, darase por pechada a Praza dos Libros desta edición 2017.

De 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00, no xardín municipal

Bibliotecas de Carballo, Demo Editorial, Prenom e as librarías Á lus do candil, Brañas Verdes, Ler, Roget, Teldy e Trasgo teñen postos instalados no xardín municipal de Carballo. Oito, un bo número. Abren de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00.