Rivas: «Un pobo sen contos morre de seca, sería un maldito sitio triste»

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

A Praza dos Libros, a feira da creatividade literaria en Carballo, botou a andar onte

07 jul 2017 . Actualizado a las 01:21 h.

A Praza dos Libros carballesa botou a andar entre arrecendo de churros, froita e chourizos. Fíxoo con Manuel Rivas, «o escritor máis internacional de Galicia», tal e como o describiu o edil Marcos Trigo. En Carballo Rivas séntese na casa, séntese ben. Díxoo onte nun pregón profuso en ideas, mais que tratou de dar resposta a unha pregunta: «¿Por que é tan importante a cultura? Por que son tan importantes os libros?». Soñar e descubrir é un dos primeiros dereitos humanos. Entre a cultura e a liberdade hai unha correspondencia, «e a liberdade é o trazo esencial da humanidade». «A cultura é a enerxía para vivir erguidos do chan», dixo o autor, falando dun sentimento «que penso que podemos compartir sen excepción». Non hai tanto que o que hoxe parece asentado e natural -o acceso á educación e á cultura- non era así: ten sido o privilexio duns poucos, propiedade dunha elite, e por iso foi precisa unha conquista de dereitos a través dunha loita de xeracións. Un Alexandre Bóveda neno tivo que escoitar: «Tiempos estos en que hasta los obreros leen los periódicos». Pois si.

Logo viría todo o resto. As batallas «realmente épicas» foron aquelas que construíron almeiros, lugares de vida, e por iso «a memoria é tan importante para valorar o que fixeron as xeracións pasadas e para orientar o futuro», o rumbo, coma aquel que emprendeu a dorna-barca biblioteca. Forxáronse «as nosas mellores estirpes», as das xente ceibe, coma Paco Souto, falecido, e a quen este ano se lle rende homenaxe na Praza: Á miña nai dóenlle as cervicais... Poesía del cruzou o pregón de Rivas e máis tamén o discurso Que é a auga?, de David Foster Wallace. A auga é isto que nos rodea: «Cada libro é unha molécula de auga do líquido amniótico que fai posible a liberdade. A seca da cultura sería a descivilización. Un pobo sen contos morre de seca e noso país sería un maldito sitio triste, un inferno. O máis importante do saber é aprender a saber e iso está nos libros, na boa literatura». Ficamos nun tempo de abaratamento do ser humano, pero Rivas non quixo abrir o libro da apocalipse: «A cultura sempre resistiu». Os libros non son unha especie en perigo de extinción, nin a cultura un ornamento. Coa man no peito, cantou o Himno Galego tocado pola Banda Municipal de Gaitas. «Que os libros nos fagan libres», desexou o alcalde, Evencio Ferrero. Libros coma Lendas da Costa da Morte ou Charamuscas, presentados onte, ou coma os que chegarán hoxe. Continúa a Praza.

Programa para hoxe

A Praza dos Libros de Carballo, no xardín municipal, continúa hoxe. As oito casetas estarán abertas de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, cun desconto nos libros que se merquen dun 10 %. A maiores, o programa contempla as seguintes actividades:

12.00 horas

«Kosmocán». Presentación do último libro ilustrado infantil de Alberto Varela Ferreiro, carballés. Participan nenos e nenas dramatizando o conto.

18.30 horas

«Pirilampo». Concerto infantil a partir dos librodiscos Teatro de guiñol e Lucecús (Galaxia). Unha proposta para público infantil e tamén familiar.

20.00 horas

«Costa do Solpor. O regreso da illa do tesouro». O escritor vimiancés Xosé María Lema presenta Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, versión da obra inicial para a colección xuvenil Fóra de Xogo (Xerais). Lema estará acompañado por Xosé Manuel Varela.

 21.00 horas

Presentación de «Contos mariños de Carballo». Carballo é mar e é tamén contos mariños. Sobre eles escribiu un libro Xabier Maceiras e darao a coñecer na compaña de Xosé Regueira e Fernando Patricio Cortizo.