«As lendas non son cousas de vellos»

O escritor participou na Praza dos Libros de Carballo onte pola tarde

.

Carballo / La Voz

Xan Fernández Carrera (1951), un escritor e divulgador da Costa da Morte, presentou onte pola tarde na Praza dos Libros, en Carballo, Lendas da Costa da Morte.

-¿En que se inspirou para escribilo?

-A historia deste libro xa vén de atrás. En Coristanco faciamos moitos traballos de investigación e de recollida de cultura popular cos rapaces e nesa recollida atopábanse as lendas. Sempre tiven curiosidade por estes relatos porque aparentemente parece que son historias que non teñen moito sentido, pero teñen moita máis profundidade do que parece. A raíz diso, comecei a ler cousas de outras zonas da Costa da Morte, a ler libros de Alonso Romero, que escribe moito sobre as lendas, e outros autores. Funme animando a recompilar as lendas, a entrevistar á xente doutros sitios, recollendo relatos… E logo vin que podía darlle corpo de libro. Hai dous anos que empecei a redactalo e non contaba con que estivese listo para a Praza dos Libros.

-¿Que podemos atopar no libro?

-O libro vai todo sobre lendas. Está clasificado tematicamente en 8 apartados: pedras, augas, montes, furnas, covas e túneles, flora e fauna, restos históricos, lendas haxiográficas e outras lendas. Cada apartado ten unha introdución, onde se vai falando un pouco en que consiste cada tema. Unha vez que se fai esa presentación, vanse redactando as lendas que hai na Costa da Morte referidas a cada apartado.

-¿Pode poñer un exemplo?

-Si, claro. Hai moitas lendas sobre as fontes. Unha delas di que cando levaba moito tempo sen chover, a xente molláballe os pés a un santo nunha fonte para que despois chovera.

-¿Relaciónanse coa relixión?

-A maioría si. Estes cultos a igrexa tentou nalgúns casos prohibilos no século XV e noutros deulle un xiro. Deulle unha versión cristiá como puido ocorrer co Camiño de Santiago, que esa tradición de vir cara ao occidente xa existía antes do cristianismo.

-¿Ten algunha lenda que lle guste especialmente?

-Non, o importante das lendas é buscarlle unha interpretación, que ás veces teñen máis dunha. Ver que detrás desa historia hai unhas crenzas que pertencen a xente anterior a nós. A min gústame moito a lenda da Busarana de Muxía, posiblemente recreada ou inventada. É unha lenda moi bonita, moi romántica e que fala dunha furna.

-¿Están todas as lendas recollidas ou pensa en facer outro libro no futuro??

-Non se fixo un traballo de campo minucioso porque para iso habería que ir parroquia a parroquia. En cada pedra ou fonte pode haber unha lenda. Non están todas recollidas. De Coristanco e de Carballo hai máis e doutros sitios hai menos. Tratei de que todas foran representativas. Os temas están todos recollidos, pero non todas as lendas.

-¿Cal é o obxectivo da publicación deste libro?

-O importante é que esas tradicións non se perdan. Que queden aí recollidas. Colaborar a ese traballo de conservación porque isto vaise coas xeración e vai desaparecendo a tradición oral. Pretendo que os lectores coñezan esta riqueza, que vexan que as lendas non son cousas de vellos. Dánnos unha visión de como era a sociedade antiga.

-¿Que é necesario para entender as lendas?

-Ter imaxinación. O que realmente recollemos é o pensamento, a imaxinación da xente.

-¿Por que a Costa da Morte?

-É unha rexión formada por varias comarcas e un territorio máis ou menos definido. Xa fixera outros traballos sobre ela e paréceme un espazo moi representativo do que é Galicia.

-¿Algunha idea para o próximo libro?

-Agora estou traballando nun proxecto que pode acabar nun libro. Vai sobre a vida do fotógrafo de Laxe José Vidal, do que ano que vén se cumpren 30 anos da súa morte. Gústame a fotografía antiga porque transmite moita información de cómo eramos.

-¿Ser mestre influíu para que rematase escribindo libros?

-Se non fose mestre posiblemente non escribiría.

-¿Que opina da Praza de Libros?

- Paréceme fundamental porque non chega con ler a través das pantallas. Contribúe a motivar á xente para que lea máis.

Votación
2 votos
Comentarios

«As lendas non son cousas de vellos»