«É unha ocasión única para ver a Capercaillie»

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

A Fundación Luis Calvo Sanz colabora apoiando o encontro. Fala Luciano Calvo

06 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fundación Luís Calvo Sanz brinda o seu apoio a moitísimas iniciativas culturais en Carballo. O Festifolk Costa da Morte é unha delas. Da cita e da súa importancia fala Luciano Calvo.

-¿Por que esta colaboración co encontro?

-Isto vén xa de hai uns anos. Foi unha iniciativa da Voz que decidín apoiar, en colaboración co Concello e como apoio á música tradicional galega e á gaita en particular, para fortalecela. Foi entón cando se decidiu completar o programa cunha gran figura: o primeiro ano, Luar na Lubre; o segundo, Xabier Díaz e, este, un grupo internacional, a banda escocesa referencia na música celta Capercaillie. Está ademais, claro, a concentración de gaiteiros da Costa da Morte, o paseo polas rúas...

-¿Gústalle a vostede esta música?

-Claro que me gusta, pero a colaboración vai máis alá. É dicir, é unha forma de apoio á iniciativa e á cultura galega en xeral.

-Vostede que foi presidente da comisión de festas de Carballo, para o San Xoán, sabe tamén do traballo da organización.

-Si, funo aló polo 91. Leva moito traballo e significa moito tempo, máis alá dos nervios do día a día, porque queres que todo saia ben. Eu iso xa o pasei. Foi cando achegamos as barracas ao San Martiño, cando se elaborou aquela tortilla tan grande, a logo mexillonada...

-E tamén cando se fixo un esforzo en charangas para os desfiles polas rúas, ese mesmo espírito que seguen os gaiteiros.

-Si, efectivamente. Trouxeramos unha charanga moi coñecida, de Logroño. Viñera dous anos seguidos. As bandas empezaban a ser reacias a facer pasarrúas e por iso apostamos polas charangas, pero sempre había tamén eses grupos de gaiteiros, toda a mañá danzando pola vila.

-Non queda máis que desexar boa asistencia aos concertos do sábado, entón.

-Si, é unha ocasión única para ver a Capercaillie. A cantante ten unha gran voz.