Gaiteiros da comarca reivindicarán a música tradicional no terceiro Festifolk

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Capercaillie pechará o encontro, que se celebrará este vindeiro sábado en Carballo

02 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festifolk Costa da Morte, promovido por La Voz de Galicia e o Concello de Carballo, co apoio do Grupo Calvo, naceu como exaltación e reivindicación da música tradicional galega e, máis concretamente, como reivindicación da gaita, un instrumento capital na cultura da terra. Xa van alá dous anos de encontro e neste 2017 volverá habelo: será o sábado, día 8 de xullo, na capital de Bergantiños, bisbarra verdadeiramente rica na materia, por outra banda. Á cita acudirán formacións de gaiteiros chegados dende distintos puntos da comarca, sendo elos os piares dunha tarde na que percorrerán rúas de Carballo para logo participar na interpretación conxunta da Marcha do Antigo Reino de Galicia, unha vez chegados todos de volta á Praza do Concello. Volverá ser, quizais, un dos intres máis simbólicos da xornada, mais o programa da celebración vai máis alá, sempre con esa idea de que os gaiteiros enxalcen a música propia.

Para ir entrando en materia, serán as formacións VintenBaio, xurdida no instituto Maximino Romero de Lema, e Druídas da Rolda (Vimianzo) as que empecen a animar a tarde, a iso das 20.00 horas, no xardín municipal. Unha hora máis tarde, tamén desde o centro da vila, comezarán a ir saíndo, de un en un, os grupos de gaiteiros da comarca.

Dúas homenaxes

Novidade desta edición será o encabezamento da comitiva, que desta volta recaerá no Grupo de Música e Baile Tradicional de Galicia Xacarandaina. De volta na Praza chegará o intre das palabras e tamén dos recoñecementos. Hai previstas dúas distincións para outros tantos veteranos gaiteiros carballeses, daqueles que pugnaron pola conservación desta música cando non corrían tempo bos. José Lista, de Oza, e Evaristo Vázquez, de Sofán, serán os homenaxeados. Ambos os dous xa teñen confirma a asistencia ao Festifolk Costa da Morte e, de feito, serán os encargados de dar por iniciado ese momento da interpretación conxunta da Marcha do Antigo Reino de Galicia. Son imaxes que quedan para a historia, como pasou no 2015 con Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, e con Xabier Díaz. O Grupo de Música e Baile Tradicional de Galicia Xacarandaina terá asimesmo o seu momento de actuación, para logo acabar a velada cun prato forte, excepcional: a banda escocesa Capercaille (22.30). Quen non puidera telos visto na Carballeira de Zas ou no Festival de Ortigueira, ou quen queira repetir, terá na capital de Bergantiños una oportunidade única. A voz de Karen Matheson merece as mellores palabras de moitos. Van xa máis de 30 anos de traballo, conmemorados no disco All the heart of it all (2013). O Festifolk está chegando.