Letras da Costa da Morte, pan e atún na Praza dos Libros de Carballo

A cita literaria, que será unha homenaxe a Paco Souto, estrea novas datas: do 6 ao 9 de xullo


Carballo / La Voz

Volve a Praza dos Libros de Carballo, e a nova edición trae novidades, como un cambio de datas: será entre o xoves 6 e o domingo 9 de xullo. Manuel Rivas, pregoeiro de excepción, como o definiu o edil de Cultura Marcos Trigo, será o encargado de dar por inaugurados os catro días de actividades, que inclúen presentacións e propostas para os máis novos. Oito casetas (Bibliotecas de Carballo, Á lus do candil, Brañas Verdes, Ler, Roget, Teldy, Trasgo, Demo Editorial e Prenom) estarán no xardín municipal, acollendo a quen se achegue de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00. Esta Praza dos Libros terá máis sabor á Costa da Morte ca nunca, a xulgar polos autores presentes, e, ademais, terá a particularidade de erixirse nunha homenaxe ao poeta Paco Souto, falecido. Haberá sorteos diarios de libros e, tamén, un 10 % de desconto nas compras. Día clave, aínda así, será o domingo, por esa iniciativa Un libro, un pan (entrégase un molete de Carballo con cada obra mercada) que este ano irá a máis. Luciano Calvo, da Fundación Luís Calvo Sanz, anunciou que poñerán a maiores un lata de atún: «Un libro, un pan e unha lata». É un novo apoio «ao gremio dos libreiros» e amosouse convencido de que o libro en soporte físico non desaparecerá. Na representación deste sector, Ramón Tasende cualificou de bo o número de casetas e tamén a nova data, na que teñen postas esperanzas de venda tendo en conta que para ese tempo hai pola zona xente de aquí e de fóra. Evencio Ferrero, alcalde, convidou a facer de Carballo un lugar de festa e de encontro, agora que a vila xa foi quen de crear marca propia dentro da promoción do libro e a lectura.

Xoves 6 de xullo

11.00 • Comezo da Praza.

Toda a mañá • Contos para abrazar as árbores. Anxo Moure. Dinamización para os máis novos.

13.00Pregón a cargo de Manuel Rivas. Actúa a Banda Municipal de Gaitas de Carballo.

18.30 horasConcerto infantil a partir do libro disco «Fantasía coas palabras».

20. 00 • Xan Fernández presenta «Lendas da Costa da Morte».

 21.00Suso Lista dará a coñecer a súa obra «Charamuscas».

 Venres 7 de xullo 

12.00 • Presentación de «Kosmocán», o último libro ilustrado infantil de Alberto Varela Ferreiro. Nenos e nenas dramatizarán o conto.

18.30 • Pirilampo: concerto infantil a partir dos libros-discos «Teatro de guiñol» e «Lucecús».

20.00 • Xosé María Lema dará a coñecer «Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro».

21.00 • Presentación de «Contos mariños de Carballo», unha obra de Xabier Maceiras.

Todo o día • Praza da Arte. Artistas de Crea Formas impartirán talleres e porán á venda miniobras.

Sábado 8 de xullo

11.00 • Ruta pola arte Urbana de Derrubando Muros e Rexenera Fest, na compaña de autores dos textos do libro publicado.

11.30 • Concerto infantil Brinca Vai, de Paco Nogueiras.

13.00 • En papel e dixital. Os dous Fernando Cabeza, pai e fillo, tratarán sobre «Galicia, o galego e os galegos» e «Proyecto Exitium Z».

19.30 • Sinatura das autoras Rosalía Fernández Rial e Diana Varela.

20.00Festifolk Costa da Morte.

 Domingo 9 de xullo

Toda a mañá • Un libro, un pan. Por cada libro, un pan (e atún).

11.30 • Presentación do Proxecto editorial Phottic e das tres últimas obras publicadas, a cargo de Héctor Pose, Manuel Rey e Xan Fraga.

13.00Concerto de MJ Pérez.

18. 30 • Contos con Alba Bermúdez.

20.00 Modesto Fraga presenta «Devalar sen pel».

21.00 Homenaxe a Paco Souto: «Atesourando a palabra».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Letras da Costa da Morte, pan e atún na Praza dos Libros de Carballo