«Teño unha querenza especial por Bergantiños, síntome como na casa»

v. couto / Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Lerá esta tarde o pregón inaugural das festas patronais de Carballo

22 jun 2017 . Actualizado a las 13:51 h.

Aínda que hai xa un par de semanas que o ambiente festivo comezou a estenderse por Carballo e que as primeiras atraccións do programa xa fixeron acto de presenza -como a orquestra Panorama e Manel Fuentes con seu tributo a Bruce Springsteen- será hoxe cando as festas do San Xoán comecen de xeito oficial coa lectura do pregón inaugural (praza do Concello, 21 horas). A responsabilidade recaeu nesta ocasión en Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955), catedrático de Medicina, investigador e experto internacional en xenética con vencellos familiares na capital bergantiñá e que nunca dubida en facer un oco na súa intensa axenda para visitar os centros escolares do municipio e compartir o seu saber con alumnos e mestres.

-¿Que supón ser pregoeiro do San Xoán carballés?

-Serei pregoeiro sen ser na miña terra exactamente, pero síntome bergantiñán de corazón e pola miña familia paterna posto que meu avó era de Rus. A verdade é que para min supón unha honra e moita ledicia poder dar o pregón das festas. Eu síntome como na miña casa e ultimamente teño unha querenza especial por Bergantiños. Ademais, nos últimos anos véxome moito coa miña familia paterna e é moi bonito.

-Desta vez virá, ademais, a un dos san xoáns máis famosos de toda Galicia.

-Iso penso eu. A min paréceme que é o San Xoán máis famoso e por iso digo que é unha honra. A verdade é que o alcalde xa me invitou o ano pasado, pero daquela non podía ir e este ano ademais escribíronme moitos rapaces de Carballo para que aceptara e iso xa foi o definitivo para dicir pois si. Aínda que a min isto dos pregóns cústame máis traballo que unha conferencia no foro máis esixente do mundo.

-Xa ten visitado en moitas ocasións os centros escolares de Carballo.

-Si, de feito teño pensado reunirme cun montón de rapaces, non só de Carballo senón tamén de Ponteceso, porque os de segundo de bacharelato que fixeron agora a selectividade están moi preocupados agora porque teñen unha toma de decisión moi importante na súa vida, así que vou aproveitar para reunirme con eles e darlles consellos. Vai ser un día bonito.

-¿Ten algún recordo especial do San Xoán carballés?

-O certo é que non porque íamos a Malpica no verán e ademais o San Xoán de Carballo está moi preto as festas de San Pedro de Santa Comba, que competían. Tamén facíamos cachelas, traballamos desde un mes antes e competiamos por ver quen a facía máis grande.

-¿Segue a celebrar o San Xoán na actualidade?

-Sempre, sempre, sempre. Agora xa non en Santa Comba, pero onde vivimos -aínda que en realmente vivo na T4 [unha das terminais do aeroporto de Madrid] porque ando sempre dun lado para outro-, en Bugallido (Ames) facemos unha cachela ben feita e con sardiñas.

-¿É máis de churrasco ou de sardiñas?

-Eu son máis de churrasco que de sardiñas, pero alí o que se fan son sardiñas [ri] e teño que adaptarme á maioría.

-¿Xa ten listo o pregón?

-Aínda teño que pensar do que vou falar. Teño 24 horas para facelo, aínda que marcho para Madrid dentro dun momentiño porque teño que dar unha conferencia pola tarde e vou coxo total porque, como se fose un futbolista, onte rompín non sei qué fibras, pero falar no pregón non vai haber problema ningún.

«Agora mesmo o meu soño é buscar as causas de trastornos do comportamento»

 

 

Ángel Carracedo combina a docencia cun intenso labor investigador de alcance internacional.

-Parece que vive un momento profesional moi bo.

-Teño un grupo grande de xente boísima, moitísimas liñas de investigación e moita xente á que darlle unha oportunidade, e eu mesmo sigo impulsando novas liñas de traballo e mantendo as que fun creando todos estes anos con moita xente. É algo que custa moito traballo, pero que tamén é moi bonito cando se ven os resultados, cando se atopa a causa de enfermidades ou se progresa no campo forense, cando se pode aplicar para solucionar problemas á xente, cando se pode aplicar para diagnosticar unha enfermidade ou buscar curas... Iso compensa o traballo.

-¿Desfruta máis no eido docente ou no de investigación?

-Nas dúas; a verdade é que non podo dicir unha máis ca outra. Contar cousas gústame, non o considero traballo e a parte docente non me dá traballo ningún: en Medicina son rapaces cunha calidade espectacular e moi formada así que é como unha conversa. A parte de investigación require máis traballo, pero tamén me gusta moito e a parte asistencial tamén é gratificante.

-¿Ten algún soño por cumprir no eido profesional?

-Moitos. Cada vez teño soños novos e retos novos polos que loitar. Durante os últimos anos concentreime moito no cancro e temos tamén liñas importantes de procura novos medicamentos, pero creo que quizais agora mesmo o meu soño é buscar as causas de trastornos do comportamento, discapacidade intelectual, autismo... porque son todos trastornos de corte psiquiátrico e desenvolvemento en idade infantoxuvenil que me preocupa moito e paréceme un reto espectacular. É algo mal coñecido e no que hai que traballar moito.